fbpx
Un dos voluntarios no proxecto Trekker de Google / Monte Pindo Parque Natural

Queres coñecer os 50 novos roteiros virtuais do Monte Pindo e Carnota?

Tempo de lectura: 3 min.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural acaba de presentar publicamente os froitos do seu ambicioso proxecto Trekker Monte Pindo, que nos permitiu, grazas á colaboración con Google, mapear virtualmente a práctica totalidade das rutas de sendeirismo de Carnota e do Monte Pindo para poñelos á disposición de todo o mundo a través de plataformas coma Google Street View ou Google Maps.

A idea de mapear os camiños do Monte Pindo xurdiu a finais de 2016 a proposta de Santi Llecha, membro da directiva de Monte Pindo. Santi propuxo nunha Comisión Rectora solicitar a participación desta entidade no programa Trekker Loan de Google que permite ás entidades facer uso dun sofisticado equipo Trekker durante un tempo para incorporar ás súas plataformas cartográficas Maps, Earth ou Street View camiños que os famosos coches da marca non poden percorrer.

“A proposta foi aprobada e inmediatamente puxémonos mans á obra. Sobra dicir que tanto Google coma o Concello de Carnota recibiron a proposta con entusiasmo, e logo de varios meses de negociacións, finalmente a equipación Trekker arribou a Carnota xa non só co obxectivo inicial de mapear os camiños do Monte Pindo inicialmente previstos, senón de facer todos os do municipio de Carnota que nos dera tempo”, apuntan desde Monte Pindo Parque Natural.

Despois sumáronse numerosos voluntarios que percorrreron os camiños de sendeirismo de Carnota portando a pesada carga da mochila Trekker, que pesa uns 20 quilos sen contar as baterías e memorias. En pouco máis dun mes remataba a fase de traballo de campo, cun resultado total de 160 quilómetros percorridos distribuidos nuns 50 roteiros distintos incluíndo as súas variantes e incluso un espectacular percorrido costeiro pilotado polo propio alcalde de Carnota, Moncho Noceda.

“Aí rematou a nosa tarefa e entrou en acción o equipo de Google Street View, quen comezou a avaliar as imaxes rexistradas, determinando que a práctica totalidade delas reunía os estrictos requisitos de calidade que a marca esixe antes de incorporar as imaxes aos seus sistemas, polo que só podemos calificar os resultados do proxecto coma un éxito apabullante e realmente impensable cando comezamos a xestar esta iniciativa”, indica a entidade.

Un dos voluntarios no proxecto Trekker de Google / Monte Pindo Parque Natural

Carnota é o primeiro concello que permite percorrer virtualmente os seus camiños

Carnota é o primeiro concello que permite percorrer virtualmente a práctica totalidade dos seus roteiros de sendeirismo. “Con isto permitimos que aquelas persoas que por cuestión de distancia ou por dificultades físicas non poden achegarse a coñecer os fermosos camiños e paisaxes do noso municipio, poidan disfrutalos aló onde estén, desde a comodidade do seu fogar. Desde agora os duros camiños do Monte Pindo son tamén vosos”, engade.

Como anécdota divertida, o algoritmo automático de Google que difumina as persoas para facelas irrecoñecibles, difuminou accidentalmente o Xigante da Mina, demostrando que os ancestros non ían tan mal encamiñados cando explicaban que as curiosas figuras antropomorfolóxicas do Monte Pindo só podían ser feitas pola man do home.

Presentación

asociación explicará estes novos roteiros en xornadas nas que contarán coas explicacións e sensacións das persoas responsábeis técnicas do proxecto Trekker e do voluntariado que participou na captura das imaxes. Tamén proxectará un documental de 10 minutos sobre como se fixo este proxecto, producido por Guillermo Ascanio e por Miguel Mariño, colaborador da entidade e quen acaba de ser proclamado director da Academia Galega do Audiovisual.

A presentación terá lugar en dúas xornadas: a primeira, orientada á veciñanza, o vindeiro sábado 24 de febreiro ás 18:00 horas na Lonxa Vella de Lira, e a segunda, orientada a medios de comunicación, entidades e TICs, o mércores 28 de febreiro ás 11:00 horas no Salón Real do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.

Pode que che interese...