fbpx
Outro cómic dos Barbanzóns, de Pepe Carreiro

Pepe Carreiro: “O do castro de Baroña é inexplicábel, só uns individuos zumbados podían vivir alí”

Tempo de lectura: 5 min.

O ilustrador Pepe Carreiro / Biblioteca IES Laxeiro

Pepe Carreiro é autor dos Barbanzóns, unha serie de banda deseñada inspirada, precisamente na época dos castros, con especial protagonismo do de Baroña. Pero quizais é máis coñecido por ser o creador dos Bolechas, esas personaxes coas que creceron milleiros de nenos galegos e que serviron para achegar aos máis pequenos ao galego e tamén ao mundo do cómic.

Carreiro participa este venres na segunda conferencia do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia que terá lugar no Museo Interactivo de Lugo (MIHL) ás 20.00 horas. O sábado, será a quenda do ilustrador Víctor Boullón que no mesmo espazo, pero de 11.00 a 13.00 horas impartirá un obradoiro para as máis pequenas para aprender a debuxar romanos e xente dos castros. Os e as interesadas teñen que inscribirse no 010 se son de Lugo ou a través do teléfono 982297150 para os de fóra de Lugo.

Levas máis dun millón e medio de libros vendidos e máis de 550 títulos no mercado. Cal é o éxito de Pepe Carreiro?
Primeiro, o éxito maior é levar moitos anos neste oficio, aínda que non sei se iso se pode chamar éxito con exactitude. Segundo, moitos deses títulos son cadernos para colorear, etc., non libros en sentido estricto. Pero é certo que levo publicado moito. Nisto de ter boa acollida do público non hai fórmulas, pero penso que un ingrediente imprescindíbel é traballar con gañas e iso non me falta.

Portada dos Barbanzóns, de Pepe Carreiro

Parte deste éxito é debido aos Bolechas. Por que cres que tiveron tanto tirón entre os máis pequechos?
Os Bolechas son como unha especie de eclipse que agachou o resto do meu traballo. Creo que ninguén sabe xa que eu son humorista gráfico, por exemplo. Como dicía, para o éxito non hai fórmulas. Eu fago os libros dos Bolechas con moita ilusión, especialmente os da colección clásica: contos de pequeno formato e 24 páxinas, cunha aventura que se pode ler practicamente só coas imaxes, polo que hai moitos lectores, nenas e nenos, que aínda non saben ler, pero “len” os libros desta familia. Utilizo o humor neles e mesmo a comicidade, tamén uso cores planas e composicións comprensíbeis. Os textos son moi breves e con frases moi sinxelas: suxeito verbo e predicado. Os personaxes “viven”, teñen emocións: rin, choran, berran… e teñen problemas que resolver: arranxar un autobús de cartón, darlle de comer a un gato, bañarse xuntos na bañeira, etc. Supoño que todos isto ten algo que ver coa súa boa acollida.

Sempre se fala de que o galego é un problema á hora de vender cómic. Tes ti esa percepción?
O galego penetra mesmo en lugares onde non é ben recibido, pero para iso ten que estar ben escrito e o cómic tratar temas e debuxos que nin o máis recalcitrante españolista poida resistirse a ver. Se se fai ben, o cómic pode ser un cabalo de Troia para introducir o galego incluso en ambientes hostís. Eu son consciente de que os libros dos Bolechas penetran en familias refractrarias ao galego, pero se os fillos os levan á casa, que se lle vai facer?

Agora a serie deu o salto a Portugal. Que fai a estas personaxes entenderse noutros contextos sociais diferentes ao galego?
A dobraxe portuguesa é excelente, feita por profesionais dos debuxos animados que collen moi ben os ritmos, a énfase, etc. Os Bolechas son personaxes universais, o que lles pasa pode pasarlle a calquera nena ou neno do mundo. No caso de haber algún dato local, como ocorreu cun capítulo onde se falaba de Redondela como un lugar moi próximo ao que sucede a aventura, os portugueses puxeron Torres Vedras como lugar próximo a Lisboa e asunto solucionado.

Hai bolechas que realizaron petróglifos, outros que construíron mámoas, outros que foron irmandiños… Hai identificación dos nenos cos nosos períodos históricos?
A Historia, como calquera outra materia, pode enganchar lectores novos, se se expón de maneira atractiva, mesmo divertida, e sen esquecer nunca a idade dos lectores. Contar a historia de Galicia a nenas e nenos é, ademais, moi necesario para que saiban que neste territorio sucederon cousas tan importantes ao longo dos séculos como en calquera outra parte do mundo: contruír hórreos, por exemplo. E, se estas cousas agrarias non acadaren a solemnidade que algunhas persoas esperan da Historia, hai aquí tamén abondo episodios dignos de se gravaren nun arco do triunfo: o paseo de Xulio César polo golfo Ártabro, por exemplo.

Capa dos Barbanzóns, de Pepe Carreiro

Precisamente, outras das túas creacións, os Barbanzóns, tentan recuperar un dos grandes períodos históricos de Galicia. Quen son os Barbanzóns?
Os Barbanzóns é unha parentela que, con moi pouco xuízo practico, reside no castro de Baroña. Pouco xuízo, porque a ninguén minimamente asisado se lle ocorre vivir nun lugar húmido e vontoso como hai poucos, máis en inverno. As historias dos Barbanzóns son parodias de feitos que teñen que ver máis coa nosa actualidade que coa época castrexa. Mesmo as vestimentas están “tuneadas” ao gusto noso. Pero, a pesar da caricatura, é unha serie ben documentada.

E por que o Barbanza e Baroña?
O Barbanza é a serra en cuia aba está o castro de Baroña e, cousa non menos decisiva, a editorial Toxosoutos, editora noiesa dos libros desta serie. O de Baroña, xa dixen que é inexplicábel, só uns individuos zumbados poden vivir alí.

E que diferencia aos barbanzóns dos bolechas?
Os Barbanzóns é unha familia de personaxes con parodias sarcásticas máis propias para un público adulto, de máis de 10 anos, digamos. Os Bolechas, en troca, é unha parentela para primeirísimos lectores e mesmo non lectores. O seu humor, polo tanto, é tenro, sen sarcasmos nin parodias con dobre fondo.

Cres que hai base en Galicia para facer unha gran historia ilustrada?
Historias ilustradas fixen eu varias e tiveron moi boa acollida, dende a Historia de Galicia en 20 libriños, até A Historia da Lingua Galega, A Historia das Mulleres Galegas ou As Irmandades da Fala. Mesmo fixen unha Historia Universal. En todos estes libros, a ilustración e o texto teñen o mesmo peso e van dirixidos a públicos de todas as idades. O da comercialización e, sobre todo, o da rendibilidade xa é outro cantar. O mercado galego é moi cativo e por riba compite cun monstro de sete ou vinte cabezas que é o libro en español. Ser un best-seller en Galicia dá a risa, porque as tiraxes son liliputianas. Eu creo que, salvo algún caso, en Galicia os debuxantes fixemos de todo para vivir: ilustración publicitaria, ilustración editorial, deseño gráfico, libros, etc. Eu mesmo fixen deseños para as sabas que bordaba a miña tía, naturalmente gratis.

Pode que che interese...