fbpx
Illa de Sálvora / Ministerio de Medio Ambiente

Por fin hai protección para a illa de Sálvora, con presencia humana desde a Prehistoria

Tempo de lectura: 2 min.

A illa de Sálvora acaba de ser declarada como ben de interese cultura, coa categoría de paisaxe cultural. Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello da Xunta.

Logo de lembrar que se trata dunha nova categoría de BIC, creada pola Lei de patrimonio cultural de Galicia de 2016, Feijóo aseverou que con esta declaración se recoñecen as súas calidades culturais, materiais e inmateriais, froito da combinación da natureza e da acción do ser humano, que mantén presenza nesta illa desde a prehistoria. Non en van, o conxunto constitúe un exemplo senlleiro da evolución dunha poboación adaptada a unhas condicións rigorosas de contorno, con escasos recursos dispoñibles.

A declaración inclúe 43 elementos, entre eles: camiños, pozos, muíños, fontes, hórreos, lavadoiros, a capela, o conxunto de mesa e bancos de pedra denominado Mesa da Marquesa, o Monumento á Serea, o cruceiro, o Curro das cabras, o faro, o peirao, o pazo e o conxunto de cons, illotes e elementos da paisaxe.

Antiga fábrica de secado e salgazón / youtube

“En total, protéxense as 2.500 hectáreas marítimas e terrestres de territorio do arquipélago de Sálvora, para garantir así as condicións de conservación e protección dos seus valores culturais”, abundou, ao que engadiu que, en total, son tres conxuntos de illas cos seus respectivos illotes e cons: Sálvora, as illas de Vionta e Noro e as illas de Sagres.

Consultas

Así mesmo, cómpre salientar que para realizar o expediente, se consultou co Consello da Cultura Galega, coa Real Academia Galega de Belas Artes e coa Facultade de Xeografía e Historia da USC, recibíndose unha única alegación, que foi respondida incorporando unha referencia explícita ao papel dos fareiros na historia de Sálvora.

O titular da Xunta fixo fincapé en que este novo Ben de Interese Cultural supón un novo impulso á candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas a Patrimonio Mundial da Unesco, xa que Sálvora forma parte dela. Unha candidatura que xa pasou á fase final da selección da Unesco.

Pode que che interese...