fbpx
Claustro de San Francisco / foto LuisbCC0

Queres coñecer a Idade Media galega como nunca a coñeciches?

Tempo de lectura: 3 min.

Revisitar a Idade Media de Galicia e do Norte de Portugal como experiencia turística a través das novas tecnoloxías. Ese é o obxectivo dun grupo de investigadores de diferentes universidades de Galicia e Portugal para promocionar os monumentos medievais da Eurorrexión, así como a rica lírica desta parte do antigo continente. Aplicacións móbiles, vídeos e roteiros xeográficos baseados en diferentes figuras literarias da lírica galaico-portuguesa medieval guiarán ós visitantes no patrimonio descoñecido e configurarán unha experiencia rica e innovadora para descubrir a riqueza común da rexión.

A iniciativa está configurada dentro dun macroproxecto de investigación centrado no patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e na que participa a A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares, da que xa falamos en numerosas ocasións no noso xornal, así como a Universidade de Porto. A investigadora principal deste proxecto, Mariña Arbor profesora de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago, presentou o proxecto esta semana no “XII Colóquio da Secção Portuguesa da Associação Hispânica de Literatura Medieval” en Lisboa.

Ucelle / foto Rede de Estudos Medievais Interdisciplinarios

O programa, chamado Proxecto Lírica, afondará na historia, na arte e na literatura medievais. “O obxectivo será deseñar e elaborar diversos produtos de carácter divulgativo e de orientación turística, baseándose nas últimas tecnoloxías dixitais e favorecendo a participación activa dos usuarios na experiencia cultural”. Trátase de crear roteiros guiados polas novas tecnoloxías a través do patrimonio medieval, tendo como fío condutor a personaxes ilustres da nosa lírica e afondando nos aspectos non tan coñecidos do noso patrimonio da Idade Media.

Como explica Arbor, “posuímos unha riquísima literatura medieval asentada en áreas moi concretas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e da que existe un grande descoñecemento. Trátase, pois, de facilitar o acceso á cultura trobadoresca cun enfoque tecnolóxico e altamente innovador, coa colaboración de filólogos, historiadores, historiadores da arte, informáticos, programadores e expertos en cultura audiovisual”.

Santuario da Franqueira / foto Rede de Estudos Medievais Interdisciplinarios

Dúas rutas turísticas para tres trobadores

Así, o proxecto prevé dúas rutas turístico-culturais baseadas en tres trobadores que posúen unha produción poética atractiva e susceptible de ser enfiada en itinerarios atractivos para o desfrute do público. Trátase de Fernan Paez de Tamalancos (ca. 1196-1242), polo Tamalancos ourensán; Johan Soarez Somesso (ca. 1220-1250), ligado á zona pontevedresa de Crecente; e Pero Meogo (mediados século XIII), xograr vencellado a áreas do norte de Portugal. 

A primeira ruta comprende parte das antigas terras da Castela ourensá, seguindo unha frecha que sae do Mosteiro de Oseira, no actual concello de San Cristovo de Cea, e que ten o seu punto de chegada no Mosteiro de San Clodio, no concello de Leiro. A segunda ruta parte de Ribadavia ata as vilas portuguesas de Fiães, Melgaço e Monção, pasando polos concellos pontevedreses da Cañiza e Crecente.

As rutas estarán guiadas por apps preparadas para o seu uso in situ a través do móbil. Para isto fíxose un levantamento de todos os elementos de interese patrimonial civil e relixioso das rutas e creouse unha plataforma dixital con sons, imaxe e vídeo. Do roteiro destacan determinados recursos non catalogados e apenas estudados que teñen como punto común a música. É o caso de numerosas imaxes de músicos ou executores que poderían vincularse ao “espectáculo trobadoresco” e que se encontran esculpidas nos canzorros de diversas igrexas ou, nalgún caso, nos propios tímpanos de acceso a estas.

Detalle dun capitel en Trasalba / foto Rede de Estudos Medievais Interdisciplinarios

A parte tecnolóxica estará desenvolvida por un equipo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago (CiTIUS), liderado polo profesor Julián Flores. As pezas audiovisuais de carácter informativo e pedagóxico, estarán destinadas a ilustrar aspectos da vida cotiá, da sociedade, da política e da cultura e literatura medievais. Os vídeos tomarán como base a cantiga de Pero Meogo Levous’aa alva, levous’a velida, cantada polo musicólogo e experto en lírica medieval Antoni Rossell, da Universidade Autónoma de Barcelona. A música destas aplicacións é responsabilidade de expertos italianos.

A vila de Ribadavia / foto Rede de Estudos Medievais Interdisciplinarios

Pode que che interese...