fbpx
Bandeira galega / foto bandeiragalega.com

Non deixes que a nosa historia morra… Esta é a guía para reivivindicar e protexer o patrimonio galego

Tempo de lectura: 3 min.

Magosto celta, visitas a numerosos bens culturais do país, xornadas de divulgación, protección ou de antropoloxía, concursos escritos e fotográficos, obradoiros culturais e patrimoniais, celebración de regueifas ou a presentación de mapas interactivos sobre o patrimonio. Son algunhas das actividades organizadas por máis de 30 entidades convocadas pola Rede polo Patrimonio Cultural de Galicia (RPC) para celebrar o Día do Patrimonio Mundial.

A UNESCO estableceu esa data no 16 de novembro, pero a RPC realizará actividades ao longo desta semana e a que ven. Será a segunda vez que esta entidade contribúa á visibilización do patrimonio cultural galego e das entidades que o promoven, protexen e poñen en valor, ofrecendo un calendario conxunto de actividades do tecido patrimonial e cultural de Galicia.

De feito, o pasado ano, este colectivo mobilizou tamén a numerosas entidades para celebrar un día que se converteu nunha gran xornada de reivindicación da importancia do noso patrimonio. Ademais, e tal e como aconteceu no 2017, a rede propón empregar o cancelo #DiadoPatrimonio para as as comunicacións nas redes sociais relativas aos distintos eventos convocados.

Actividades

Así, entre as actividades destacan os roteiros organizados por Apatrigal, Petón do Lobo, Asociación Cova Crea, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Sociedade histórica e cultural Columna Sanfins, Plataforma pola defensa do Monte Neme, Asociación Patrimonio dos Ancares, Asociación de amigos museo do castro de Viladonga, Asociación Monte Pindo Parque Natural, Asociación Amigos do Arqueolóxico de A Coruña, Batitales e visitas nocturas polo Colectivo A Rula.

Tamén destacan as xornadas de antropoloxía, medio ambiente e protección do patrimonio a cargo de Monte Pituco e da Asociación de Montes de Baroña, de Nordés Faladora, daSociedade Antropolóxica Galega, de Custodia do Bosque atlantico Betula, Buxa ou da Asociación Galega do patrimonio Inndustrial.

Descrición do Reino de Galizia de Hernando de Ojea (1603) / Duvi

Ademais haberá concursos de fichas patrimoniais realizado pola Escola de conservación e restauración de Bens Culturais ou de fotografía pola Asociación cultural e pedagóxica Ponte nas ondas, e exposicións de útiles neolíticos por Mariña Patrimonio, Asociación Cultural Fervenza de sargadelos, Amigos do Museo de Vilalba e outras exposicións organizadas por Lazoiro co apoio da Asociación Palcos da Música.

Ao longo da semana tamén se realizarán obradoiros a cargo de O Suído, Regueifas organizadas polo Clube da Lingua, presentación de documentais pola Asociación Festa da Prehistoria ou magostos celebrados pola Irmandade Druídica Galaica.

Finalmente, celebraránse actos de homenaxe ás Irmandades da Fala pola Asociación Cultural Cultura do País, a presentación de táboas policromadas no Museo das Peregrinacións, a cargo da Asociación CRG ou a presentación dun mapa interactivo de bens patrimoniais contrapondo o mapa do ‘voo americano’ de 1956 e, simultaneamente, ofrecendo a súa vista actual da man de Patrimoniogalego.net

Toda a información, horarios, lugares e días de actividades pódese consultar na web redepatrimonio.gal, onde tamén hai un mapa interactivo e os carteis con toda e cada unha das accións da RPC.

A Rede do Patrimonio Cultural

A Rede do Patrimonio Cultural botou a andar o día 3 de xuño de 2017 nun acto celebrado no Museo do Pobo Galego no que se aprobou un documento avalado por 69 asociacións e entidades galegas relacionadas co patrimonio cultural.

A RPC entende o noso patrimonio cultural como un dos principais activos sociais, identitarios e económicos de Galicia e, polo tanto, un recurso estratéxico para a sociedade galega contemporánea que debe ser conservado e transmitido, nas mellores condicións, ás vindeiras xeracións. Por iso, acolle a entidades que teñan por obxectivos a defensa e posta en valor do patrimonio cultural galego, tanto material como inmaterial. É un instrumento orientado a aqueles ámbitos territoriais ou sociopolíticos que resultan de difícil acceso para cada unha das entidades en particular.

Poden participar na RPC as asociacións, colectivos e entidades civís interesadas na divulgación e protección do patrimonio cultural, xa que esta entidade é un instrumento para a visibilización das actividades e accións das entidades participantes alén dos seus círculos habituais de difusión.

Mapa de actividades

http://redepatrimonio.gal/16-de-novembro-celebramos-o-dia-do-patrimonio-mundial-desde-galicia

Pode que che interese...