fbpx
Mapas enfrontados, o novo proxecto de Patrimonio Galego no que se poden ver os xacementos con 60 anos de diferenza

Mapas Enfrontados: o proxecto que mostra como cambiou o patrimonio galego nos últimos 60 anos

Tempo de lectura: 2 min.

Co gallo da celebración este 16 de novembro do Día do Patrimonio Mundial, e dentro da oferta de actividades da Rede do Patrimonio Cultural, o catálogo en liña patrimoniogalego.net presenta unha nova funcionalidade: os Mapas Enfrontados.O seu obxectivo é dotar o catálogo dunha ferramenta que permita coñecer a evolución do estado de conservación dos bens do patrimonio cultural galego a través da comparación simultánea entre as fotografías aéreas do ‘voo americano’ de 1956 e as actuais imaxes tomadas por satélite.

A través dos Mapas Enfrontados poderase observar a profunda transformación do territorio galego neste tempo e, en moitos casos, a degradación de numerosos monumentos no noso país. De feito, esta nova ferramenta permite coñecer o estado de conservación dos máis de 10.000 bens inventariados en patrimoniogalego.net, o principal catálogo social en liña do patrimonio cultural galego.

Unha lista vermella cos bens culturais en perigo inminente

Unha das principais seccións do catálogo é a Lista Vermella, que agrupa aqueles monumentos catalogados que se encontran en grave perigo de desaparición. Actualmente, o inventario virtual patrimoniogalego.net conta con máis dun cento de bens nesta lista que pretende chamar a atención sobre a necesidade de preservar estes tesouros sen seren alterados nin destruidos. Nela figuran dende castros e conventos ata torres ou pontes.

Precisamente esta Lista Vermella é un dos piares dun catálogo en liña que xa leva sete anos en marcha e co que colaboran de xeito altruísta ducias de catalogadores por todo o ancho da xeografía galega. Liderado polo profesor da USC e divulgador Manuel Gago, patrimoniogalego.net agrupa unha serie de profesionais en distintas disciplinas que se ocupan de supervisar as fichas propostas polos colaboradores para a súa publicación no catálogo. Xunto co propio Gago, Eladio Rial ocúpase do correcto funcionamento deste Sistema de Información Xeográfica, mentres que Elisa Amigo, Elixio Vieites, Adela Oyonarte, Eixil Cedeira e Carmela Sánchez-Arines son os seus editores e Álex Bragaña e mais Soledad Felloza, os seus produtores. No apartado de comunicación son os xornalistas Félix Aragunde e Xurxo Salgado os encargados de divulgar este proxecto.

Pode que che interese...