fbpx
Territorio do Couto Mixto

Piden protexer na UNESCO o que puido ser o primeiro estado independente de fala galega

Tempo de lectura: 2 min.

A Comisión de Cultura e Deporte do Senado aprobou este xoves, de forma unánime, unha emenda transaccional redactada sobre a base dunha moción socialista sobre a declaración de Patrimonio Cultural Inmaterial a favor do Couto Mixto, un territorio entre Galicia e Portugal e que durante séculos funcionou, de facto, como un estado independente.

O texto insta ao Goberno a que, previa aprobación polo Consello de Patrimonio Histórico e do seu grupo de traballo de Patrimonio Mundial e Inmaterial, apoie e defenda nas instancias internacionais oportunas, a inscrición da candidatura do Couto Mixto na lista representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da UNESCO. Esta petición faise en base ao coñecemento da súa peculiar historia, as súas tradicións, usos sociais e rituais “nun contexto paisaxístico natural e cultural que permanece indeleble na memoria dos seus habitantes”.

Ademais na declaración deixase claro ese vínculo secular entre Galicia e Portugal que se forxou neste territorio libre. “Con esta declaración como patrimonio Cultural Inmaterial pretendemos dar maior visibilidade a aqueles territorios que, como o Couto Mixto, demostran a proximidade lingüística, cultural, social e económica con Portugal”, recolle a moción.

Vista do Couto Mixto

O impulsor da citada iniciativa, o senador por Ourense, Luís García Mañá, mostrou o seu agradecemento a todos os grupos da Comisión senatorial polo acordo alcanzado, por tratarse dun territorio de singular interese cultural.

A utopía dun estado independente

O Couto Mixto, un territorio situado na zona fronteiriza entre España e Portugal, foi independente de ambos os reinos e gozaba de distintos privilexios. Estaba integrado polos pobos de Rubiás, Meaus e Santiago.

Precisamente, este ano faise o150 aniversario do trueque hispano-luso que puxo fin ao Couto Mixto, cando en 1868 finiquitouse “un soño, unha utopía de convivencia, permanecendo na memoria colectiva dos seus veciños que, con nostalxia miran o pasado lamentando a perda dos seus privilexios sen participar nos acordos bilaterais dos reinos veciños”.

Pode que che interese...