fbpx
"Na procura dos castros que dominaron o mar da Mariña", último roteiro de Rutas de Historia / Mariña Patrimonio

Unha visita especial á Mariña: a terra de castros, de acollida de bretóns e de afundimento de frotas viquingas”

Tempo de lectura: 3 min.

Rutas de Historia organiza o seu último roteiro do ano este sábado na Mariña. Alí, cun guía especial, Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio, descubrirase unha das zonas máis fermosas desta comarca lucense, “máis fermosa mesmo que a Praia das Catedrais ou o Fociño do Porco”, comenta.

Na procura dos castros que dominaron o mar da Mariña” fai un percorrido por unha costa granítica, que é totalmente distinta á zona da rasa cantábrica e que garda grandes segredos de castros, castelos, fuxidos da conquista musulmá da Península e lendas da presencia dos bretóns e dos ataques viquingos. “A costa que imos percorrer é máis abrupta e, por iso, máis aillada e descoñecida”, aventura Miranda.

Esta é unha viaxe ao corazón da costa, pero tamén ao corazón dos primeiros poboados fortificados da Mariña, non?
Si. Na Mariña hai unha densidade moi alta de castros costeiros, o que amosa a gran importancia que tivo na antigüidade esta costa. No percorrido do vindeiro sábado imos pasar por catro destes poboados fortificados.

Ademais de castros, que veremos ao longo deste roteiro?
Imos ver sempre mar e paisaxe, pero combinados con patrimonio: mámoas, castros, un antigo mosteiro, arquitectura popular e tamén patrimonio inmaterial.

E que fai diferente entón a esta parte da Mariña doutras?
Este roteiro discorre pola zona granítica da Mariña, que é totalmente distinta á zona da rasa cantábrica. A costa que imos percorrer é máis abrupta e, por iso, máis aillada e descoñecida.

Esta comarca lucense é famosa pola súa contorna natural. Dise que a ela chegaron os bretóns. Como é esa historia?
O mar une, non separa. E na antigüidade, cando apenas había camiños, aínda unía máis. A historia dos bretóns que chegaron á Mariña é unha historia de persecucións e de acollida. A Mariña tamén é unha terra á que chegou xente que se viu forzada a abandonar as súas terras. Neste roteiro veremos as ruínas dun mosteiro fundado por xente que tivo que fuxir de Coimbra por mor da invasión musulmá.

Paisaxe da Mariña, en Xove, na andaina de Rutas de Historia

E logo viñeron os viquingos,. E ata houbo un santo que obrou miragres… Pero está constatada esta presenza vikinga?
Está claro que os viquingos tamén estiveron por estes mares e por estas terras, a pesar do empeño de San Gonzalo de Mondoñedo (Foz) para fundir, milagrosamente, as súas flotas. Non obstante, evidencias arqueolóxicas da presenza viquinga na Mariña non se coñecen. Houbo certa expectativa de que puideran existir pegadas viquingas nos Moutillós (O Vcedo), mais o único que se puido constatar coas escavacións arqueolóxicas é que foi un xacemento da Idade do Ferro, reaproveitado na Idade Media como factoría de salgazón de pescada.

Podemos dicir que a Mariña está de moda?…. Dígoo porque agora estase falando moito do Fociño do Porco, por exemplo, ou da Praia das Catedrais…
En certa medida pode dicirse que está de moda. Sen dúbida estano estes dous lugares que citas. Pero os lugares que imos visitar non teñen moito que envexarlle nin ás Catedrais nin ao Fuciño do Porco.

E non cres que este turismo masivo desvirtúa as pontencialidades de toda esta zona?
O turismo masivo é unha lacra, mais a non ser neses dous puntos que mencionamos na Mariña non creo que se poida falar de turismo masivo. Tamén hai que pensar que na oferta que se lles dá aos nosos visitantes faise especial fincapé nestes dous lugares, pero posto que temos un gran potencial cómpre diversificar.

Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio e guía para o roteiro da Fonsagrada

Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio e guía para o roteiro da Mariña

Ti es un dos grandes impulsores de Mariña Patrimonio. Cales son os obxectivos desta entidade?
O obxectivo de todas as persoas que conformamos Mariña Patrimonio é a defensa do patrimonio. Cremos que un dos medios máis eficaces para protexelo é coñecelo e divulgalo; por iso roteiros como o que imos realizar convértense nunha acción cívica na protección do patrimonio.

E, agora, cal é a vosa última loita?
Neste momento temos moitos frontes abertos; pero estámoslle prestando especial atención á destrución do castro da Trinidade (Mondoñedo) por culpa dunha canteira.

Hai quen pensa que esta fin de semana fará mal tempo na zona, cando o mal tempo estará, sobre todo na Coruña e Pontevedra. En todo caso, que recomendas a quen veña a este roteiro?
Creo que non imos precisar traer moita crema de protección solar; será conveniente vir preparados por se a choiva se quere sumar e nos acompaña no roteiro. Aínda que para ver o mar no seu esplendor non é mala cousa que haxa un pouco de temporal, parece que as previsión por esta zona non son malas de todo para a xornada do sábado.

Pode que che interese...