fbpx
Tramo do Camiño Portugués arrasado por obras en Barro / A Forneiriña

Novas obras promovidas pola Administración arrasan partes orixinais do Camiño Portugués

Tempo de lectura: < 1 min.

A celebración do Xacobeo 2021 e a intención da Xunta de ter todo impecable de cara a ese ano Santo, está provocando que moitas partes orixinais dos distintos trazados do Camiño se vexan alterados e, mesmo, esnaquizados. Aconteceu no Camiño Francés, tal e como xa informamos no GC, e agora ao Camiño Portugués.

O Colectivo da Defensa do Patrimonio “A Forneiriña” denuncian que as obras de mellora de infraestruturas que se están a levar a cabo no concello de Barro no lugar de A Portela están danando un tramo do Camiño que se atopaba empedrado e que foi arrasado con medios mecánicos para a colocación de tubaxe de recollida de augas pluviais.

Tramo orixinal do Camiño de Santiago en Barro completamente arrasado / A Forneiriña

“Estas obras amparadas polas administracións competentes na materia estanse levando a cabo sen aparente control por parte dos profesionais na materia cos consecuentes danos no patrimonio do Camiño Portugués de Santiago”, din desde este colectivo.

Por iso, reclaman que se tomen medidas de prevención e control nas obras de mellora do Camiño de Santiago e se deteñan aquelas que o están danando irremediablemente. “Esas obras terán que facelas os profesionais precisos para evitar, como é o caso acontecido, danos irreversibles no patrimonio”, aseguran.

Pode que che interese...