fbpx
Imaxe aérea do castro de Rueta / Mariña Patrimonio

Atopan “indicios” do que podería ser unha nova sauna castrexa nun importante castro costeiro

Tempo de lectura: 5 min.
A Mariña non para de sorprender en canto aos restos arqueolóxicos que atesoura. O último, os do xacemento de Rueta, un gran castro de case 2 hectáreas que garda, ademais de importantes murallas defensivas, numerosas estruturas habitacionais entre as que poderían figurar, ademais, un forno e unha sauna castrexa.
Son parte das “evidencias” que atoparon o equipo de investigadores, dirixido por David González-Álvarez -do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPID-CSIC)- e Jesús García Sánchez -do Instituto de Arqueoloxía de Mérida- que este sábado presentaron en Sargadelos os resultados da escavación deste impoñente castro situado no concello de Cervo.

O arqueólogo Jesús García amosa as estruturas do que podería ser unha sauna castrexa / XS

E son “evidencias” porque os investigadores utilizaron na súa investigación a prospección xeofísica, unha técnica novidosa no campo da arqueoloxía que se destaca por non ser “invasiva“, é dicir, por estudar o que hai en superficie sen recorrer á tradicional escavación arquelóxica. David González-Álvarez e Jesús García utilizaron nas súas investifacións o xeorradar e o magnetómetro que, tras ser pasados polo xacemento, detectan anomalías do terreo con construcións redondas en montículos que parecen cabanas coas súas zonas de lume –posibles fogares– e unha moi interesante a investigar que podería ser un forno cuadrangular ou unha sauna, ademais doutro gran forno.
A investigación xeofísica hai tempo que se utiliza no mundo da arqueoloxía, pero nunca como ata agora se utilizara nunha extensión de terreo tan grande. De feito, o de Rueta, pasa por ser o primeiro castro de Galicia coa investigación xeofísica máis extensa e completa realizada ata o momento, case 1,5 hectáreas.

Estruturas do Castro de Rueta onde se poden ver numerosos muros e foxos / Mariña Patrimonio

Castro impoñente
David e Jesús salientan a importancia que ten Rueta, xa non só polas “evidencias” arqueolóxicas que atesoura, senón pola súa situación e o seu magnífico estado de conservación. E é que a diferencia doutros castros costeiros da Mariña, este está case intacto, é dicir, sen ser alterado desde hai case 2.000 anos.  O xacemento, asentado sobre un terreo elevado á beira do mar Cantábrico, ten dúas plataformas ben definidas; o castro propiamente dito e unha croa ou acrópole. A primeira está rodeada de diferentes aneis de murallas, especialmente, polas súas zonas máis vulnerables, e o segundo queda na zona máis alta do castro ao que se accede tamén, ao franquear unha gran muralla interna.
Destacan tamén distintos aterrazamentos que quedan xa no lado que dá ao mar que os investigadores apuntan a que poderían tratarse de estruturas para conter os muros do xacemento máis expostos ao mar e que tamén terían unha función de “espectacularización”, é dicir, de remarcar aos que chegan polo mar, as impoñentes estruturas defensivas que tería o castro.
Petróglifos e a Pedra do Raio
Ademais, tras a limpeza do xacemento descubríronse petróglifos  de antes da Idade do Hierro no castro. Están, ademais, situadas no promontorio rochoso de máis altura do castro no que se sitúa a chamada “Pedra do Raio”, unha rocha que segundo as lendas populares atraía os raios do ceo e que está perfectamente dividida en dúas partes.
Durante a charla, os investigadores insistiron na importancia de colaborar coa comunidade local para coñecer as historias e lendas relacionadas co castro. De feito, durante o coloquio posterior, veciños de Rueta lembraron a existencia dunha zona, preto do castro, chamado O Porto, e que podería facer alusión a un antigo porto.
Á presentación, que tivo lugar no museo de Sargadelos, asistiron 70 persoas e alí estivo boa parte da directiva de Mariña Patrimonio, impulsores desta investigación, así como o alcalde de Cervo, Alfonso Villares. Tamén contou coa presenza do delegado de El Progreso na Mariña, Xavier Lombardero e representantes do Xornal da Mariña

Restos e reconstrución da sauna Castrexa do Sarridal, unha das que mellor se conservan en Galicia / castrosarridal.es

Sauna
Un dos “indicios” apuntados polos investigadores na súa presentación foi a aparición de dúas estruturas destacadas. Unha delas, polas súa forma circular e as medidas, cren que se pode tratar dun forno. A outra é unha estrutura nova que nin David, nin Jesús tiñan detectado antes pero que, segundo apuntaron, polas formas que presenta podería tratarse dunha sauna castrexa.
En Galicia só se coñecen as saunas castrexas de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), Borneiro (Bergantiños), Espasante (Ortigueira), Ou Sarridal (Cedeira), Castañoso (A Fonsagrada) e a da Atalaia (Cervo).  En 2020, integrantes de Mariña Patrimonio tamén deron conta do descubrimento dunha estrutura que identificaron como unha nova sauna. Estaría situada no castro da Maradona. De confirmarse esta e a de Rueta, estariamos falando de oito saunas en Galicia.
As saunas castrexas son construccións parcial ou totalmente soterradas cunhas características moi especiais dentro da cultura castrexa. Estas estructuras estaban destinadas aos baños de vapor e serían os equivalentes aos actuais balnearios. A maioría das saunas galegas contan cunha estrutura rectancular e outra circular. Na primeira estaría unha antecámara e a cámara de acceso á sauna na que se sitúa sempre a pedra formosa. Na segunda tratariase dun forno, necesario para quentar as augas.

David González-Álvarez -do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPID-CSIC)- e Jesús García Sánchez -do Instituto de Arqueoloxía de Mérida-  durante a presentación dos resultados da intervención no castro de Rueta / Mariña Patrimonio

O futuro desta técnica
A investigación do Castro de Rueta pode marcar un antes e un despois nas investigación arqueolóxicas en Galicia, especialmente, naquelas de pequeno formato e nas que non hai moito diñeiro. “Esta é unha técnica que xa se usa desde hai moito tempo e que ten moitas vantaxes”, apunta David González-Álvarez.
Ata agora, a investigación xeofísica era secundaria nas grandes campañas arqueolóxicas. Si se pasaba o magnetómetro ou o xeorradar pero sempre nun contexto secundario, como soporte á propia escavación arqueolóxica. Desde hai un tempo, esta nova arqueoloxía “non invasiva” está gañando máis enteiros por ser máis eficaz e máis barata.
Quizais non é tan espectacular como as escavacións, pero científicamente é moi sólida”, asegura. González-Álvarez ten claro que este tipo de técnicas debería ser abordada por arqueólogos e institucións responsables do patrimonio “a curto prazo”. “Hai moitos castros que se están escavando con formulacións cortoplacistas e sen ter moi claro cal é o marco científico nin onde escavar”, aclara.
Precisamente, tras pasar o magnetómetro e o xeorradar, xa se coñece perfectamente o esqueleto de Rueta. Agora, escavar será máis sinxelo e os resultados arqueolóxicos desa investigación potencialmente máis fructíferos.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...