fbpx
Petróglifos de Pé de Mula, localizados na parroquia de Sabaxáns en Mondariz (Pontevedra) / xunta.gal

Acondicionan un dos labirintos en pedra máis interesantes de Galicia

Tempo de lectura: < 1 min.

A estación de Pé de Mula, na parroquia de Sabaxáns, en Mondariz atesoura unha gran riqueza científica e patrimonial. Está formada por un relevante conxunto de petróglifos conformado por varias laxes que presentan unha alta densidade de motivos gravados.

A estación está constituída por dous grupos, un primeiro formado por deseños de adscrición prehistórica e carácter xeométrico, como coviñas, círculos simples, círculos con cruz inscrita, círculos concéntricos e labirintos. E un segundo conxunto integrado por deseños de cronoloxía histórica que, ás veces, se superpoñen ás figuras antigas, como acontece no gran labirinto, un dos máis interesantes de Galicia. Os deseños desta fase son múltiples cruciformes de tipoloxía diversa, cadrados con cruz inscrita, bestas ou grafías como letras e nomes.

Nestes días, a Consellería de Cultura e Turismo está a desenvolver actuacións para favorecer a visita pública a estes petróglifos. Os traballos, que se están a desenvolver de xeito coordinado co concello de Mondariz e co acordo da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sabaxáns, están a ser executados por un equipo de arqueólogos e restauradores por un importe de 14.574 euros e consisten na execución dunha drenaxe perimetral que reduza a escorrenta de auga sobre o soporte gravado.

Tamén está previsto que se realice un rexistro tridimensional e fotográfico dos petróglifos e limparán as briófitas e liques de suxeición débil que dificulten a súa lectura. Ademais, substituirase o actual peche que delimita o conxunto por outro máis resistente e acorde cos valores do sitio e se dotará ao conxunto de sinalización orientativa, identificativa e interpretativa. Estes traballos finalizarán ao longo deste mes de decembro.

Pode que che interese...