Detalle dunha cova caliza, coma a do Rei Cintolo / foto jakubekrCC0

Novos descubrimentos na cova máis grande de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

Segundo a lenda, o meigallo do bruxo Tuba ou Menelán fixo que o castelo de Bría, se derrubara baixo a terra dos montes de Mondoñedo dando lugar á Cova do Rei Cintolo. Tal e como xa contamos en HdG, dende aquela o mozo Uxío segue a buscar a súa namorada Xila, a filla do Rei do lugar, pola cova, alén da eternidade. Non é de estrañar, pois a cova, que é coñecida como a máis grande e espectacular de Galicia, é, igual que para a lendaria parella, un labirinto dificilmente descifrable dende a súa descuberta no ano 1873.

E é que a Cova do Rei Cintolo en Argomoso, Mondoñedo, segue a amosar ante os especialistas corredores cada vez máis profundos. Pois no ano 1873 cando o arqueólogo José Villa Amil y Castro descubriu a cova, so foi quen de publicar 300 metros de plano. En 1973, un século máis tarde, xa se coñecían 5.000 metros, unha gran inmensidade de cavidades para unha cova nunha rexión sen case chans calizos, unha oquedade que pola súa superficie ben podería competir con outras grandes covas turísticas peninsulares.

Xa nesa década de 1970 suporíase, aínda que non se coñecía, que a cova podería chegar ós 6.500 metros, e, tempo despois, a comezos do presente século, dábase xa por feito que serían máis de 7.500. Agora, 145 anos despois despois do descubrimento, un equipo de espeleólogos, encabezados polo vigués Marcos Vaqueiro, quere desentrañar ata once quilómetros dela e establecer a primeira cartografía en 3D da singular cavidade da Mariña.

Detalle da Cova do Rei Cintolo / foto turismo.gal

Un traballo de especial complexidade

O proxecto, dirixido por Vaqueiro e baseado nun modelo de 1974 que recollía uns 6.000 metros, quedará ampliado ata preto dos 11.000. Agárdase tamén que quede cartografado todo o percorrido en 3D, para o que se está a empregar a última tecnoloxía. Para isto Vaqueiro coordina ademais un equipo no que traballan catorce espeleólogos e agárdase que no futuro se lle engadan outros máis. O traballo comezou xa vai uns meses e prevese que se prolongue dous ou tres anos.

E é que a labor para desenvolver o proxecto, dada a extensión e dificultade do espazo é especialmente complexa. Para o proxecto estímase que se precisarán preto de 600 horas de taballo dos catorce profesionais e que se dilatarán bastante no tempo. Ademais o equipo vén facendo tan so unha sesión de traballo in situ por trimestre restrínxíndose polas normas do enclave ó horario de visitas. A última deste ano está a ser precisamente nesta ponte da Constitución, centrándose en concreto na galería máis superficial da cova.

Entrada da Cova do Rei Cintolo / foto Xelo2004 GNUCL Wikimedia

Un proxecto para o futuro da cova

Mais, a pesares das dificultades, a cartografía en tres dimensión do conxunto é, ante todo, un proxecto de futuro para a preservación da cova. A topografía en 3D tería aplicacións de especial interese varios campos. O levantamento serviría para rexistrar con precisión os valores naturais e patrimoniais do lugar, tanto interiores como exteriores, pois o modelo permitiría coñecer a relación entre a cova e a súa contorna. Isto, segundo Vaquero “axudaría a avaliar o impacto de calquera actuación no exterior da cavidade”.

Por outra banda, a reprodución en 3D serviría tamén como referencia para establecer un marco de traballo de cara a outras actividades científicas. A cova xa causou un grande interese tanto en disciplinas como a arqueoloxía ou zooloxía xa que dentro dela se atoparon tanto restos de habitación humana como importantes colonias de morcegos. Por último o modelo podería aproveitarse tamén como recurso para a divulgación e a promoción turística, pois podería empregarse como referencia para a reconstrucción a escala e a musealización da cova, así coma outras actividades multimedia e interactivas.

Detalle do proxecto en 3D / foto Xornal de Lemos

 

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: