fbpx
Cartelería da exposición Son de Canto, música, baile e teatro dos coros

Así foron as primeiras artes escénicas galegas

Tempo de lectura: 5 min.

Son de Galicia; Canto, música, baile e teatro dos coros é unha mostra aberta dende o 11 de decembro do 2018 ata o 26 de xaneiro do 2019. O seu comisario é Miguel Anxo Seixas Seoane, organizada polo Consello da Cultura Galega e deseñada por Imago Mundi. A exposición está situada na sede de Abanca da Coruña, ocupando un grande espazo que dende o seu comezo está definida en documentación e estética: o cartaz de Galicia. Coral “D Ruada” realizado por Camilo Díaz Baliño da a benvida aos espectadores. A imaxe desta muller sobre un fondo azul noite, desbordante de cunchas, estrelas e cruces de Santiago, convértese a dunha figura sacra co halo de flores amarelas que flota arredor do rostro. Aínda resulta mais impoñente polo pano de chachemir amarelo bordado de rosas rosas de verdescentes follas, envolvendo a súa cabeza e caendo polos ombreiros. Acompañando ao tocado vai a ourivería: un colgante de sapos de ouro, rematado por un segundo colgante coa cruz de Santiago e o Grial coa sete cruces, destacando sobre un vestido dunha viva cor vermella. Acompañándoa aparecen os símbolos da Música -a divina Lira- e o Teatro -a máscara clásica grega-. A imaxe e o obxecto sintetiza o espírito da exposición.

A introdución a mostra consiste nunha explicación sobre porqué xurdiron os coros, en qué época, da man de quen e cales foron os que xurdiron. A partir de 1853 emerxe a cuestión de traballar e recompilar material en torno a danza, a música e o teatro o que, sobre todo a partir de 1883, contará non so cunha maior recollida e catalogación senón de ampla divulgación. Algo que aumentou en 1916 sobresaíndo catro coros en particular: Toxos e Froles, Cántigas da Terra, Coral de Ruada e Cantigas e Agarimos.

Dende este punto a sala ten despregados trinta paneis nos que presentase unha abondosa documentación, tanto en texto como no visual. Os trinta paneis abordan diversos temas como as orixes dos coros, o contexto histórico do Romanticismo, figuras esenciais do século XIX e XX neste traballo, o tratamento que se lle deu ao material recollido, a relevancia do traxe ou o impacto internacional dos coros galegos. A primeira metade da mostra está adicada a estas cuestións cos títulos de Música no aire, Aires da Terra, Voz e Música: as bandeiras da emoción, Vestir ao uso de Galicia, As artes, Teatro, divertir e afalar o público, Baile: danzar co aire, A voz da solidariedade, As viaxes: os embaixadores de Galicia, Música e cantos de onte para mañán: rexistros sonoros e visuais, A lingua, Financiamento e solidariedade, Terra do meu canto e Outros coros galegos.

Carteis que están na exposición Son de Canto, música, baile e teatro dos coros

A segunda parte da exposición concéntrase xa nos coros históricos, que ocupan cada un deles varios paneis: están Toxos e Froles, Ferrol, 1914 (ocupa do panel 15 ao 18) e Cántigas da Terra, A Coruña, 1916 (ocupa do panel 19 ao 22). Estes dous coros únense aos seguintes por medio de vitrinas nas que poden verse cintas como a que o Centro Gallego en Sevilla entregoulle en 1927 ao Coral de Ruada, significada coa cruz de Santiago en vermello sobre a banda azul da bandeira galega e pintada cunha brillantes flores vermellas, rematando a cinta cun bordado en fíos dourados. Ou a cerimoniosa gran bandeira Terra a nosa, branca cunha banda en azul e bordada co “Terra a nosa” en dourado, co seu centro ocupado polo escudo galego do Grial rodeado das sete cruces, envolto en loureiros dourados e elevado cunha coroa. Estes obxectos dan entrada aos paneis do Coral de Ruada, Ourense, 1918 (do panel 23 ao panel 26) e Cantigas e Agarimos, Santiago, 1921 (do panel 27 ao panel 30). O de Coral de Ruada resulta singular por conter o traballo escenográfico e visual de Camilo Díaz Baliño, do cal pódense ver os deseños gráficos que realizou para os programas dos Cantos populares de 1929: estes son Canto de Arrieiro -simbolizado cuns piñeiros-, Eultreja -cun menhir no alto dunha montaña coa cruz de Santiago e sinalado pola Estrela-, Canto d´as Chirimías -coa efixie de Santiago con sendas cruces e cunchas rodeándoo-, Alalá d´o Cebreiro -un capitel románico co cranio dun esqueleto, evocación do humorismo medieval de Vicente Risco- e N-a seitura -unha gadaña no intre de cortar o millo-. Tamén aparecen impresas as súas escenografías, como a realizada polo artista para o Canto de arrieiro: consiste nuns altos piñeiros medrados sobre os toxos que se estenden pola terra, unha imaxe que o seu belén en Ortigueira feito en 1924 ou o mesmo cadro O neno das piñas (1926, Museo Provincial de Pontevedra) de Castelao ben podería ir da man.

Pero a mostra tamén trae a imaxe orixinal destas escenografías. Nas partes centrais da sala están dispostas varias vitrinas que conteñen obxectos que danlle peso histórico e realidade artística a mostra. (A isto tamén aportan as gravacións que se poden escoitar de cada un dos coros, o cal da unha idea de cómo resultaría todo unido e en movemento). Destacan o cadro da escenografía para cantar o Himno galego para o Coral de Ruada realizada por Díaz Baliño; nel vese un magnífico carballo, coa súa copa douroverde abríndose ao ceo e no fondo, unha constelación de estrelas atravesando o ceo e dirixindo a vista ao Pico Sacro. O mais impresionante é que o artista, na copa alta do carballo, representou o Grial coas sete cruces bordadas en fío dourado, o que lle outorga a obra un carácter ao mesmo tempo vivo e suntuoso, ledo e rexio. É unha visión da cultura galega digna e estimulante, en absoluto vulgar e, por contra, dunha presenza tan formal e contida como contaxiosa en orixinalidade e forza.

Instrumentos musicais da exposición Son de Canto, música, baile e teatro dos coros

Xunto a esta obra poden verse os longos dengues de veludo negro bordados en pasamanería escura, o borrador de cantos populares inéditos de 1850, as cintas que o Ajuntament de Barcelona deulle ao Coro Toxos e Froles, a firma de Toxos e Froles na súa asistencia a inauguración do Monumento a Rosalía de Castro en Santiago de Compostela (“Pro galaica musa…de la patriótica sociedad Toxos e Froles de Ferrol 1916”) e como obxecto simbólico maior, a zanfona de Perfecto Feijoo. El foi quen en 1883 creara en Pontevedra o primeiro grupo de músicos, mais oito ou dez cantantes e de dúas a catro parellas de baile, con emprego de tocados, traxes e ourivería da tradición galega e unha escenografías que recolleran elementos galegos. El conformou o modelo que logo seguirían, madurarían e enriquecerían os coros históricos. A súa zanfona, xunto a súa fotografía vestido como músico, é un dos puntos relevantes da exposición pola súa transcendencia.

Nas seguintes vitrinas pódense ver mais obxectos, sobre todo partituras: a partitura do Alalá de Sobreira, a da Misa de Saudade (1968) e da peza nº 6, Quer que lle quer (muiñeira, 1917). A dedicatoria de Antón Vilar Ponte a Toxos e Froles en 1916 resulta suxestiva, como o vídeo das gravacións en vivo dos coros conservadas polo CGAI e proxectadas nas paredes da mostra. Rematando este conxunto está o folleto do Homenaxe do coro rexional Cantigas da Terra a Curros Enríquez en 1919, que ven a pechar o círculo de simbolismos que convive co detalle e a atención a razón de ser dos coros e da súa importancia. Quenes colaboraron coan esta mostra foron Toxos e Froles, Cántigas da Terra, Coral de Ruada e Cantigas e Agarimos, hoxe con nós. A tradición nunca abandona nin traizoa.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...