fbpx
Ramón María del Valle-Inclán / www.jotdown.es

Cando Valle-Inclán quixo recuperar títulos nobiliarios e a torre plateresca máis importante de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

A Torre de Bermúdez é sen dúbida o principal monumento histórico da Pobra do Caramiñal. É un pazo urbano, declarado BIC, do que se conservan documentos dende 1751, pero que se remontaría, porén, ata o século XVI. É un excepcional exemplo de pazo urbano da época do plateresco, e, sen dúbida, o exemplo de pazo máis importante deste estilo en Galicia. Nel viviría, polo menos parte da súa infancia, Ramón María de Valle-Inclán, ata o ano 1875 cando se muda a Santiago para estudar o Bacharelato.

Porén, fora da súa infancia, a Torre de Bermúdez nunca sería residencia do histórico escritor, xa que os seus pais, Ramón del Valle Bermúdez de Castro e Dolores de la Peña y Montenegro, serían os derradeiros propietarios do pazo. E é que ambos pertencían a unha fidalguía que xa a finais do século XIX atopábase na súa plena decadencia. Posuían varias casas nobres e vellos foros, mais os beneficios herdados, principalmente polo pai, fóranse escapando pouco a pouco. Isto obrigou á familia a levar unha vida máis ou menos modesta e a trasladarse a Pontevedra na adolescencia do escritor.

Porén é moi posible que Valle-Inclán e os seus irmáns foran criados como “señoritos” na Pobra. Se ben isto fixo posible que Ramón María tivera unha boa educación cun preceptor e unha moi boa biblioteca, na que puido estudar gramática latina, foi no ano 1898 cando os seus pais venden finalmente a Torre. Daquela Valle-Inclán atoparíase xa na súa etapa en Madrid, sendo, por tanto, o matrimonio os derradeiros residentes do pazo.

Dúas fiestras da Torre Valle-Bermúdez / Héitor Picallo

Mais Valle-Inclán, fora sempre un gran defensor do seu pasado fidalgo chegando incluso a recuperar o “Inclán” que certos ancestros empregaran xunto ó apelido Valle. Co tampo Ramón María trataría de facerse de novo coa Torre de Bermúdez pero sen conseguilo. Así, no primeiro terzo do século XX, Valle solicitaralle a Alfonso XIII a recuperación da torre así como un título de nobreza conforme á súa liñaxe. Máis non foi quen de conseguir ningunha das dúas cousas, nin por merca, nin polos favores do reais, a pesares do seu xa máis que notable éxito literario na capital española.

Non foi o único en intentalo. O seu amigo Victoriano García Martí, de orixe pobrense, tratará de conseguir fondos e influencias entre os amigos e coñecidos de Valle-Inclán para mercar a torre e agasallarlle. Di dela que é “unha nobre mansión que na paz dunha vella vila mariñeira” pregoaría co “airón da súa torre a gloria deste gran señor das letras”. Mais, a pesares dos esforzos, el tampouco foi quen de conseguilo.

E é que naquel ano de 1898 o inmoble sería mercado polo empresario Manuel Lojo, que empregaría dende aquela o pazo como almacén de salgadura, causándolle, iso si, importantes danos ó pazo pola nova función, tanto no baleirado interior como pola acción da sal sobre forxados e granito. Así foi, fora das mans de Valle, ata avanzado o século XX. Daquela, coa crise da sardiña e con ela a que tivo a importante industria galega da salgadura, o pazo deixou de ser un almacén para quedar por completo abandonado. Ficou dende aquela en ruínas ata que no ano 1981 foi mercado polo Concello da Pobra. Dende 1987 é sede do Museo que leva o seu nome e agárdase que nos próximos meses, como xa contamos, teña unha nova restauración.

A torre Valle-Bermúdez, na Pobra do Caramiñal / foto Héitor Picallo

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...