fbpx
Virxe do Cruceiro Novo da Pobra / foto de Xosé Lois Piñeiro

Aparece a imaxe do Cruceiro Novo da Pobra, roubada durante o Estado de Alarma

Tempo de lectura: 2 min.

A finais do pasado mes de abril e en pleno Estado de Alarma a imaxe do Cruceiro Novo de Santo Isidoro de Posmarcos na Pobra do Caramiñal foi roubada. Trátase dunha escultura da Virxe, previsiblemente do século XVI, que formaba parte do cruceiro dentro dunha capeliña ou fornelo, unha tipoloxía propia das Rías Baixas e moi común na comarca de Barbanza.

O roubo produciu gran indignación entre os veciños, pois o cruceiro é de gran devoción e se atopa non moi lonxe das casas. Tamén nas redes sociais, pois supuxo o cumio dunha semana escura para o patrimonio da comarca. O roubo da imaxe foi denunciado na Garda Civil e a súa imaxe difundiuse nas redes.

É posible que estes sexa un dos motivos polos que o ladrón decidiu devolver a imaxe. Pois a Virxe apareceu na madrugada do venres ó sábado na estrada que vai de Moldes a Palmeira no Concello de Ribeira. Foi atopada por unha condutora que deu parte á Policía Local da localidade. Descoñécese o motivo polo que a escultura foi abandonada na estrada.

Virxe do Cruceiro Novo da Pobra / foto de Xosé Lois Piñeiro

A imaxe forma parte do cruceiro datado con toda probabilidade no século XVIII, mais que como escultura podería ser anterior, posiblemente do século XVI. É ademais un dos exemplos máis significativos desta tipoloxía destacando tanto pola feitura do seu Cristo crucificado como pola Virxe. A imaxe roubada fora restaurada no ano 2012. Tras o achado foi restituída ó seu fornelo.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...