fbpx
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, contempla a nova escultura atribuída ao Mestre dos Panos Mollados da Catedral de Santiago / Xunta.gal

Cambios na Consellería de Cultura: Créase o Servizo de Inventario e modificanse os departamentos de arquivos e museos

Tempo de lectura: < 1 min.

O Consello da Xunta de Galicia aprobou xa a nova estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, tras a modificación da estrutura orgánica do Goberno galego, que determinou a creación deste novo departamento. A nova Consellería integra, ademais da materia turística, os órganos con competencias nos eidos da promoción da cultura e do patrimonio cultural, e aqueles relacionados coa defensa e promoción da lingua galega.

“O impulso dos sectores culturais e turístico como factores fundamentais do desenvolvemento social e económico de Galicia e a súa cohesión social constitúe o eixo para a planificación, desenvolvemento e execución das políticas públicas da nova Consellería”, apunta este departamento que ve no vindeiro Xacobeo 2021 a configuración dun “marcapaís”, para os próximos anos.

Entre as novidades na nova estrutura organizativa destaca, no eido do patrimonio cultural, a posta en marcha o Servizo de Inventario, pasando o Servizo de Museos a formar parte da Dirección Xeral de Políticas Culturais, neste caso, dentro da Subdirección Xeral de Arquivos, que cambia a súa denominación pola de Subdirección Xeral de Arquivos e Museos. Na antedita dirección xeral, tamén cambia a súa denominación a Subdirección Xeral de Bibliotecas, que pasa a ser a Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro.

A fin de impulsar o traballo desenvolto no Centro Galego de Arte Contemporánea, impulsarase tamén o Consello Asesor do CGAC, órgano colexiado de consulta e asesoramento nos asuntos relacionados coas competencias do Centro e de participación dos axentes socioeconómicos relacionados co desenvolvemento da arte contemporánea e da cultura en xeral de Galicia. Finalmente, como adoita ser normal nestes casos, créanse as xefaturas territoriais de Cultura para o correcto desenvolvemento territorial do novo departamento.

Pode que che interese...