fbpx
Hórreos de Combarro / foto Bernardeta31CC0

A venta ilegal de hórreos chega a todo o estado

Tempo de lectura: 2 min.

En marzo de 2017 denunciabámolo en Historia de Galicia, os hórreos, Ben de Interese Cultural, véndense en plataformas como Milanuncios ou Wallapop. Isto é na meirande parte dos casos unha clara ilegalidade, xa que os nosos hórreos dende o decreto 449/1973 de 22 de febreiro teñen a máis alta protección que a lexislación galega e española establece para un elemento do patrimonio. Teñen polo tanto a mesma protección legal que, por exemplo, a catedral de Santiago.

Porén, e a pesares da prohibición expresa da Lei 5/2016 de 4 de maio de Patrimonio Cultural de Galicia, os hórreos seguen a venderse de forma ilegal. E é que a lei, establece de feito a prohibición de desmontar, mover, ou facer calquera tipo de modificación no ben ou no seu entorno sen autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio. Tampouco é posible vender a propiedade na que se sitúan sen comunicalo a esta Dirección, para que a administración poda exercer o seu dereito á merca.

Hórreo en Combarro / foto joseluismunizrodrigueCC0

Así, a venta de calquera hórreo en tales circunstancia entre particulares e sen autorización é directamente un delito. So hai unha excepción, que o hórreo teña menos de 100 anos, non un excepcional interese -pode decidilo a administración-, e non estar catalogado no PXOM do concello correspondente. So concorrendo estas circunstancias pode ser vendido sen autorización un hórreo. Máis como vemos non é así.

A denuncia pública dunha asociación acaba en La Sexta

Esta mesma foi a denuncia pública que fixo os pasados días a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural de Galicia amosando nas súas redes sociais á súa indignación pola impunidade coa que se publican nas citadas plataformas anuncios vendendo os nosos hórreos. A asociación chegou mesmo a transcribir unha carta a Wallapop na que se pedía publicamente a retirada deses anuncios, por infrinxir tanto as normas da propia app como das leis en vixencia.

E é que foi precisamente a insistencia na denuncia pública desta asociación, xunto coa aparición noutros grupos de denuncias similares, a que levou por fin ó foco mediático cara este grave problema co noso patrimonio. Así foi o este venres cando o equipo de noticias de La Sexta se achegou a Rianxo para entrevistar a Carlos Fernández, presidente da Asociación, incluíndo a polémica entre as novas do día e amosándolle ós espectadores o hórreo máis longo de Galicia.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...