Paralizan obras na catedral de Santiago por non presentar os informes de patrimonio
Nos últimos días aconteceu na capital de Galicia un feito que semella insólito: o Concello de Santiago de Compostela viuse obrigado a denegar licencias de obra á Fundación Catedral para obras de rehabilitación. Foi por falta de informes adicionais que lle foran requiridos por Patrimonio para concretar o traballo que se ía desenvolver no interior do templo. Sería en espazos especialmente sensibles, como capiteis románicos, portadas á capelas ou pinturas murais, ó longo do corpo de naves.
Foi o pasado venres 4 de xaneiro, durante a Xunta de Goberno Local, e seguindo as directrices da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico do Concello. Pois no mes de outubro Patrimonio requiriulle novos estudos á Fundación para aprobar obras no interior do templo. Dende aquela os informes requiridos están en fase de elaboración e non foron aínda remitidos a Patrimonio, co que, vencendo o prazo para dar resposta por parte do Concello, denegouse a licenza de obra.
Porén o Concello si concedeu resposta afirmativa para outras obras no interior, en concreto para obras na xirola e para a retirada de placas conmorativas e outros elementos contemporáneos no corpo de naves. Quedan tamén por conceder aínda licencias para obras exteriores na cuberta e praza de Praterías. Agárdase que as licencias se poidan tramitar, agora si, no próximo mes, xa co visto e prace de Patrimonio.