Un calendario recolle as arquitecturas desaparecidas de Lugo
Un calendario municipal para o ano 2019 co legado arquitectónico da cidade. Esa é o xeito de amosar a riqueza histórica de Lugo máis alá dos seus monumentos máis icónicos. E é que o Concello de Lugo acaba de editar e agasallar ós seus veciños cun almanaque que trata o gran legado construído da cidade. Consta de doce grandes xoias da arquitectura luguesa amosadas a través de fotos históricas e dos seus planos orixinais.
O obxectivo é representar os legados arquitectónicos de distintas épocas do urbanismo lugués a través de doce edificios especialmente singulares de diferentes momentos e estilos. O calendario foi elaborado polas alumnas e alumnos dos obradoiros de emprego que ten en marcha o Concello, InteracTICvate e Fórum 4.0. e pode descargarse xa na páxina web municipal, neste link. Tamén se están a repartir exemplares en papel na Casa Consistorial.
Doce arquitecturas singulares, a maioría perdidas
A construción das torres da catedral, a ponte romana, unha escena de feira na praza maior, a estación de ferrocarrís nos seus primeiros anos, a casa de dona María Alvarado. En doce monumentos o almanaque amosa a importancia arquitectónica que en diferentes momentos a cidade chegou a acadar. Mais amosa tamén un feito especialmente triste para a cidade, a progresiva perda das súas máis singulares arquitecturas históricas, pero tamén a aupervivencia de moitas outras.
O edificio da Eléctrica Lucense, a fachada do Gran Teatro ó pé da Porta da Estación, o primeiro mercado de abastos, de estilo modernista, o cantón de Velarde e o peche da Praza Maior, o primitivo Colexio Sagrado Corazón de Lugo, os Cines Cinema a modernista farmacia La Salud, anexa á muralla son algunhas das grandes xoias arquitectónicas da cidade hoxe desaparecidas que se recollen no almanaque. Tamén é de destacar a imaxe da ponte romana antes do seu derrube parcial para ensanchala cunha placa de formigón.