fbpx
Dolmen de Pedra da Arca en Vimianzo / foto HdG

Pode un concello galego sacar rendemento económico do seu patrimonio?

Tempo de lectura: 2 min.

Tal e como xa contamos, a comezos deste mes de febreiro os arqueólogos volvían ó castro das Barreiras, ó máis famoso do Concello de Vimianzo. Facíano para escavar un novo sector que inclúe unha parte do pano das murallas e continuar co avanzado na campaña xa desenvolvida en 2o18. Con esta nova intervención, o das Barreiras estase xa a converter nun dos poucos escavados na Costa da Morte, así como, pola súa singularidade e localización, nun dos máis visitados e valiosos.

Mais o castro das Barreiras non é o único xacemento prehistórico do que se está a preocupar o Concello de Vimianzo. Para o consistorio de Manuel Antelo, o Patrimonio Cultural está a ser unha das bases do seu mandato e a riqueza arqueolóxica do concello pide pola intervención. Por iso no pasado 2o18 o Concello mercaba o solar no que se atopa o dolmen de Pedra Cuberta, en Treos, un dos que conforma a Ruta do Megalitismo da Costa da Morte, que discorre en boa medida polo concello soneirán.

Castro das Barreiras en Vimianzo / turismovimianzo.com

O dolmen de Pedra Cuberta, en Treos, non é so un dos mellor conservados de Galicia e un dos máis monumentais, así como un dos que conserva a súa mamoa en mellores condicións, senón que é tamén é o epicentro do que, co apoio da Deputación da Coruña, será un gran Parque do Megalitismo da Costa da Morte. O parque será unha gran ruta por ata 14 xacementos dende Carballo ata Mazaricos, dos que polo menos 7 xacementos se atopan no propio concello de Vimianzo e que xa neste momento contan cun excelente acceso e sinalización.

Da época castrexa, ademais das intervencións no Castro das Barreiras, o Concello preocupouse tamén polo Castro da Cerca na parroquia de Serramo, onde nas vindeiras semanas se vai a executar unha primeira intervención. Polo de agora consistirá en non moito máis que a limpeza da matogueira. Mais o obxectivo é deixar á vista as murallas, o levantamento topográfico, toma de datos e sinalización mediante paneis interpretativos. Con isto será o segundo castro do concello en ser visible e visitabre e en dar os primeiros pasos para a súa recuperación.

Pode que che interese...