fbpx
Campo de laudas en memoria dos asasinados polo fascismo / Capitán Gosende

Un campo de lápidas para lembrar ás vítimas do fascismo

Tempo de lectura: 4 min.

O sábado 13 de abril, véspera do aniversario da proclamación da II República, o colectivo Capitán Gosende afirmou unha estela máis no Campo das Laudas (As Raposeiras-Meilide). E van catro. Como todos saben, nesta ocasión o nome recuperado do esquecemento foi o de Xosé Torres Paz. Torres Paz naceu en 1891 (ou 93) en Cerdedo e foi asasinado o 11 de agosto de 1936 en Pontevedra (lugar de Alba) por pistoleiros falanxistas e mais da chamada Guardia Cívica. No mesmo Cerdedo había días que se borboriñaba: “Vén a pedra pra Torres”.

Carpinteiro de profesión, presidente local do PSOE, concelleiro republicano e oficial do concello de Cerdedo, Torres significouse na defensa da legalidade constitucional ameazada pola dereita golpista en xullo de 1936. Co golpe de Estado, a dereita radical escornaba contra a feble arquitectura dos dereitos fundamentais, apontoados durante o quinquenio republicano.

Integrando xa o penelo do Campo das Laudas, a estela de Xosé Torres Paz (asasinado con impunidade) foi a cuarta na orde de colocación. Antecedérona as laudas do mestre e poeta Xosé Otero Espasandín (obrigado ao exilio), a do canteiro e alcalde republicano Antonio Sueiro Cadavide (condenado ao ostracismo) e a do xornalista e secretario do concello Francisco Varela Garrido Pancho (fusilado tras xuízo farsa). Sucederanas, en datas próximas, as laudas de Martiño Ferreiro Álvarez (martirizado até a morte no campo de exterminio nazi de Mauthausen-Gusen) e as de Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias (torturados e asasinados na revolta da Ponte do Barco-Pedre). Denigrados todos e todas e cada unha das súas familias. O Campo das Laudas vaise convertendo paseniño nunha aula de interpretación da represión franquista, exemplificando con nomes e apelidos as diferentes mortes ás que foron condenados aqueles que se arrepuxeron ao fascismo. Deberan novos e vellos achegarse a este recuncho de Cerdedo que en Google Maps xa figura como “Lugar de interese histórico”.  

Os de Capitán Gosende identificamos a chegada á aldea de cada unha das laudas co traslado a Cerdedo, anos despois do seu pasamento, dos despoxos de Torres, de Cortizo ou de Pancho Varela, abatidos en Pontevedra e soterrados provisionalmente en foxas comúns na necrópole de Santo Amaro. Parafraseando a Otero Espasandín: “metro e medio de chan onde descansar por fin”. Porén, o Campo das Laudas non é un cemiterio laico, é unha agra fértil onde facer realidade o prognóstico de Castelao: “Non enterran cadáveres; enterran semente”. Lauda a lauda, resarcirémonos da amnesia de Cerdedo. Encheremos o rego aberto cun puño daquela semente boa que nos acabou furtando a insurrección “dos máis pillos, folgazáns e analfabetos da aldea” (Castelao). Os que formamos parte do colectivo conxurámonos contra a desmemoria, contra a memoria selectiva, precavida, medoñenta; ao tempo que nos abraiamos da capacidade que teñen algúns para viviren ao pairo dos acontecementos. Consonte as nosas posibilidades poucas, nós seguiremos traballando en prol da recuperación da Memoria Histórica e en prol da valorización e divulgación do noso patrimonio material e inmaterial. Neste senso, guiámonos polo maxisterio de Antón Fraguas, outro dos nosos intelectuais represaliados polo franquismo. A pertinencia deste noso proceder é a que nos outorga a condición de proscritos en terra propia. A figura de Fraguas outorgaralles a moitos comenenciudos a posibilidade de lucir na praza a súa condición de sepulcros branqueados.

A mañá do sábado 13 de abril, a chuvia respectou a xente congregada nas Raposeiras. Xan López, gaita en riste, invocou con mestría a estrelampada. De apertura, unha antiga marcha procesional do repertorio do gaiteiro de Campañó. De peche, un arranxo da “Alborada de Marín”. Que difícil é ser gaiteiro valente, que para soprar nun aerófono até o burro vale.

Membros de Capitán Gosende erquendo a lauda na honra de xosé Torres Paz

Amais dos incondicionais do Capitán Gosende, asistiron os familiares de Xosé Torres Paz: fillos, netos e bisnetos. Por desgraza, tan só trece días antes, abandonaba este mundo a súa filla Peregrina (Peregrina Torres Beiro) que mantivera irta e acesa a candea do recordo e mais a da dignidade e que adoito nos manifestara o seu desexo de asistir ás honras organizadas polo Capitán Gosende, “aínda que tivese que facelo en cadeira de rodas”. Peregrina falecía o 31 de marzo aos 94 anos de idade, reconfortada pola homenaxe que lle iamos tributar a seu pai. Presentes no acto, Celia e Manuel Torres Beiro, fillos de Xosé e irmáns de Peregrina, emocionáronse e fixéronnos emocionar coas súas intervencións. Catro días despois, o 17 de abril, morría María Torres Beiro, Nena Torres, aos 85 anos de idade, outra das fillas de Torres Paz. Levaban case un século agardando por un recoñecemento que os seus veciños obviaron reclamar e que autoridade ningunha lles soubo dispensar. Descansen en paz. Todas as laudas teñen a súa pequena historia (este particular ben merece un artigo), mais hainas que establecen un punto de inflexión; hai laudas que se volven fitos.

Talladas en pedra do país pola man xenerosa do escultor Marcos Escudero, cada unha das laudas vale o que pesa. Dende 2016, o colectivo Capitán Gosende, sen apoio institucional ningún, vai cumprindo os prazos estabelecidos para a consecución dun proxecto que, modestamente, non ten parangón. Esta iniciativa popular devece por compensar a iniquidade de onte e hoxe coa agradecida lembranza e a xusta restauración moral dos homes e mulleres que, en Cerdedo, combateron o franquismo. Neste senso, as declaracións en agosto de 2015 do alcalde de Cotobade (das dereitas), adheríndose á institucionalización do Día da Galiza Mártir (Faro de Vigo, 20-8-2015), só poden ser cualificadas de hipócritas ou interesadas; un outro oprobio á memoria dos que, hai xa 83 anos, deron a vida por defender os ideais republicanos e galeguistas. Convén lembrar que o goberno de Cerdedo non experimentou a sanidade da alternancia neses 83 anos. É unha aberración abandeirar as celebracións do Ano Fraguas sen antes ter abxurado do franquismo. Unha aberración semellante é exhibir o cadro “A derradeira lección do mestre” (ese mestre é Alexandre Bóveda) nun edificio concibido pola megalomanía dun ministro franquista. Os sinais de identidade da nosa cultura (a lingua, por exemplo) vense decote vulnerados pola impostura dos deles e a claudicación dos nosos.    

Demostrouse que os “principios éticos e morais” e a “coherencia” dos que aquel mandatario de Cotobade alardeaba eran, como se di, un “falar prá feira”, pois a praxe política da equidistancia tendenciosa e do negacionismo imperan nun territorio no que, en por xunto ou ao retallo, as autoridades (sempre do mesmo partido político) conculcaron e seguen conculcando a Lei de Memoria Histórica (52/2007 de 26 de decembro).

Grazas ao sacrificio persoal dos Otero Espasandín, Sueiro, Varela, Torres…, “o povo é quem máis ordena” (mais todo é susceptíbel de empeorar); xa que logo, no noso Campo das Laudas “cumprirase a vontade dos mártires”.

 

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...