Unha neta atopa os restos do avó republicano fusilado en Celanova hai 83 anos
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova vén de informar da localización da primeira familiar dun dos sete asturianos soterrados na fosa do cemiterio parroquial de Celanova. Ela é Gracia Gutiérrez, neta de Abelardo Suárez del Busto, asasinado o 22 de setembro de 1939 por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos cando tiña 28 anos.
Segundo explica o comité nun comunicado, Gracia, unha das tres familiares directas vivas de Abelardo, mostrou a disposición da familia a colaborar co Comité, co Goberno de Asturias e cos memorialistas asturianos na procura doutras familias, así como na investigación e nunha posible exhumación da fosa.
Ademais, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova púxose en contacto co Goberno de Asturias para informar da aparición desta familiar e pedir que as autoridades asturianas activen o protocolo para atender estas vítimas. O Comité continuará realizando as xestións previstas para que as administracións públicas competentes faciliten os traballos de documentación de fosa e os trámites que sexan necesarios antes de proceder á exhumación.
TESTEMUÑO DE GRACIA GUTIÉRREZ
A neta, Gracia Gutiérrez, deixou este pequeno texto que aparece a continuación no que relata a historia da súa familia e como ela chegou a atopar o nome do seu avó no traballo feito ata o de agora polo Comité:
“Abelardo era fillo dun carreteiro. Era albanel. Na casa eran moi pobres. Non sabía ler nin escribir, por iso nos escritos da causa aparece a súa firma co dedo. Abelardo e Emilia tiveron un fillo, Enrique, e unha filla, María del Carmen, a miña nai. Emilia, a miña avoa, sabía que estivera preso en Celanova. Nunca soubemos que pasara por Camposancos. Nin que fora sometido a consello de guerra. O fillo maior, Enrique, morreu. Foi outro mazazo para a miña avoa. A miña avoa casou despois por segunda vez. Eu crieime coa miña avoa e ese avó. Os meus pais emigraron a Francia e quedamos a miña irmá e eu con eles. A miña avoa cobrou a pensión como viúva de guerra. A miña nai morreu hai tres anos, xusto un 3 de outubro”, relata.
“Este domingo, durante o aniversario, déuseme por buscar en Facebook cousas sobre Celanova. Atopei a páxina do Comité, a información sobre o acto da semana anterior no patio do Instituto, onde estivera o cárcere, co Goberno asturiano. E apareceu o nome do meu avó! Deseguido o dixen á familia, e a miña sobriña Irene decidiu escribir ao Comité. Por iso estamos aquí, en Celanova, hoxe”.