fbpx
Camilo de Dios na recuperación do corpo do seu irmán, Perfecto de Dios/ memoriahistorica.org

Como foi a vida do último guerrilleiro de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Camilo de Dios está considerado como o último gran guerrilleiro de Galicia. Tirouse moi novo ao monte, con 13 anos xa participaba das actividades guerrilleiras na provincia de Ourense e con 19 foi ferido, detido e condenado a morte. A súa corta edade fixo que se reconsiderara a pena e pasou dez anos preso.

Agora, a súa vida é motivo dun documental que acaban de presentar catro estudantes de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña tras máis dun ano de traballo e co obxectivo de recuperar a memoria histórica colectiva da guerrilla antifranquista en Galicia.

Camilo, o último guerrilleiro de Galicia” é o nome desta cinta produto de intensos meses de gravacións, viaxes e anécdotas de todo tipo. O 20 de agosto remataba no municipio de Sandiás (Ourense) a gravación cun acto de irmandamento entre a vila de Camilo de Dios e o pobo de Chaherrero (Crespos, Ávila) onde morreu o seu irmán, Perfecto de Dios.

O documental repasa a súa integración na guerrilla antifranquista na Limia, o seu encarceramento pola actividade guerrilleira e a morte do seu irmán; ata a loita pola recuperación dos restos deste último, o cal conseguiría finalmente en 2014.

O resultado estrearase en outubro e estará albergado nunha web, o que permite un formato moito máis interactivo: ao documental lineal súmanselle unha serie de contidos adicionais que irán saíndo para completar conceptos e historias que se atopan na propia peza audiovisual. Ademais, o portal funcionará como un arquivo no que atopar todos estes contidos sobre a vida de Camilo e a guerrilla antifranquista. A utilización dos novos medios supón un intento de chegar a mocidade e de rematar co baleiro no ensino sobre a ditadura franquista e as persoas represaliadas por ela.

O seu guionista, Miguel García, resalta “a pasividade histórica das institucións dende a Transición e a impunidade das culpables a pesar de ser o país con máis persoas desaparecidas despois de Camboxa”.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...