Marcas nas que os arqueólogos cren que estaría montado un lagar rupestre no Castro de Armeá / UVigo

Novos segredos no Castro de Armeá… Atopan un lagar rupestre de viño

Tempo de lectura: 3 min.

Un lagar de viño. Ese é o novo e sorprende descubrimento que se acaba de facer na “cibdá” romana ou Castro de Armeá, en Allariz. Desde o pasado 1 de xullo e ata finais de mes, un equipo dirixido polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) do campus de Ourense desenvolve unha nova intervención arqueolóxica neste sitio arqueolóxico.

O proxecto está dirixido por Adolfo Fernández e nel participan ademais outros dous profesores da Facultade de Historia do campus de Ourense, como son Fermín Pérez e Susana Reboreda. A intervención de campo está dirixida pola investigadora do Geaat Patricia Valle co apoio de Alba Rodríguez e nela participa arredor dunha vintena de alumnos e alumnas, algúns deles da Facultade de Historia do Campus de Ourense e outros chegados doutras universidades galegas, estatais e estranxeiras.

Vistas da “Cibdá” ou Castro de Armeá, en Allariz / UVigo

Tres zonas de traballo

A ‘cibdá’ ou castro de Armea, lembran desde o Geaat, é un xacemento único de orixe romana situado no Concello de Allariz, ocupado ex novo arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III. O grupo leva estudando este enclave, que destaca polo seu grao de conservación e o feito de estar nunha contorna rural, cunha campaña arqueolóxica cada verán desde 2014, renovando recentemente a súa colaboración por catro anos máis ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Concello de Allariz. Os traballos que se están levando a cabo este mes, financiados polo Concello de Allariz, permiten segundo as e os seus responsables, dar continuidade á campaña desenvolvida en 2018. O obxectivo deste ano, lembran, “é a escavación das zonas da finca da atalaia que quedaban por rematar das campañas anteriores”, actuando concretamente en tres puntos laterais do xacemento.

“Os traballos da domus norte sacaron á luz na zona elevada unha posible zona produtiva, como un patio de traballo, relacionada quizais coa produción de viño”, comentan Patricia Valle e Alba Rodríguez. “Cremos que o lagar situaríase nos bolos graníticos desa zona elevada e que logo habería unha superficie lisa onde levarían a cabo tarefas relacionadas co viño”, destacan. Nas rochas naturais, detallan, “apareceron numerosos rebaixes, canles, lagaretas e outro tipo de marcas que apuntan á instalación dun lagar, unha zona de pisado da uva para obter viño”. Trataríase polo tanto dunha “domus produtora de viño” e dunha descuberta relevante pois segundo explican as arqueólogas non se coñecen exemplos similares de lagares en Galicia. Nesta zona atopouse ademais unha moeda de bronce, aínda que polas condicións de conservación non se coñece aínda a súa tipoloxía.

Campaña arqueólóxica no castro da Cibdá ou Castro de Armeá, en Allariz / UVigo

Entre os avances realizados nestas primeiras semanas de intervención, as e os seus responsables sinalan tamén como se rematou a escavación da domus este, “que como ocorrera en anos anteriores, foi moi prolífica en canto a materiais, tanto cerámicas como metais e especialmente bronces”. Ademais, engaden, están a escavar o extremo oeste da rúa central, onde o pasado ano foi atopado o chamado tesouro pétreo de Balvís. “En parte as lousas foron espoliadas, aínda que atopamos os recheos e capas de xabre que se poñían para nivelar a asentar as lousas. Tamén apareceron canles que desaugarían as augas das domus así como máis estruturas murais, que poderían indicar a presenza de novas domus”, comentan Patricia Valle e Alba Rodríguez.

Outras accións

De xeito paralelo á intervención, comentan as e os seus responsables, tamén se están levando a cabo tarefas de conservación e restauro do xacemento, dirixidas por Marta Lago, con vistas a facer tralo verán unha intervención “grande” de restauro, de sinalización e adecuación do xacemento para facer posible as visitas con máis información para o público e con máis protección para o xacemento. Tamén de xeito paralelo á intervención lévanse a cabo accións de divulgación, sendo este mércores visitado o lugar por un grupo de nenos e nenas que participan no Campus Camp, o campamento de verán dirixido a fillas e fillos do persoal de administración e servizos, o persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo. Os rapaces e rapazas realizaron unha visita guiada ao xacemento e á súa contorna e desenvolveron un taller de arqueoloxía.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: