fbpx
Restos musealizados do conxunto arqueolóxico de Santomé, en Ourense / visitargalicia.com

Os novos misterios do castro de Santomé: Que fan ósos de animais no que foi unha ferrería queimada do século IV?

Tempo de lectura: < 1 min.

As escavacións no conxunto arqueolóxico-natural de Santomé (Ourense) non deixan de dar sorpresas tal e como apunta o xornal Galicia Confidencial. Neste castro, que se comezou a escavar en 1983, atopáronse agora elementos que fan  pensar na existencia de talleres manufactureiros da época tardorromana, sobre o século IV.

O equipo de Breogán Arqueoloxía comezou hai escasos tres meses as escavacións na zona máis descoñecida do xacemento. Tomando como base os antecedentes dunhas catas realizadas no ano 1990, un grupo de nove arqueólogos e restauradores, guiados por Xulio Rodríguez, director do Museo Arqueolóxico de Ourense, propuxéronse resolver as incógnitas duns muros difíciles de interpretar. E alí atoparon o que poderia ser unha ferrería do século IV.

Os descubrimentos máis abundantes, en canto a cantidade, foron as cerámicas “pola súa fragmentación”, con todo tamén cabe destacar a aparición de ata catro caldeiros de bronce, “dous deles moi ben conservados”. “Todos eses obxectos de uso común foron anulados por un nivel moi potente de terra queimada”, concretou Breogán Neto. Este feito conduciu a pensar en “un posible colapso” que obrigou aos habitantes do asentamento a “fuxir rapidamente” sen levar as súas cousas consigo.

No entanto, Xulio Rodríguez recalcou que, en contra do que se puidese pensar, “talvez o incendio non fose a causa da marcha, senón a consecuencia”. Neste aspecto, Breogán Neto aínda preferiu mostrarse “desconcertado”. “Na zona que nós chamamos incendio aparecen moitísimos ósos de animais que non están calcinados”, explicou. Este encontro levoulle a exporse a posibilidade de que a ferraría fose abandonada e que se utilizase como “un vertedoiro” posteriormente.

Por tanto, son varias as hipóteses iniciais que esperan a resolverse unha vez que a investigación que se está levando a cabo no Museo Arqueolóxico de Ourense toque ao seu fin. Máis en Galicia Confidencial.

Pode que che interese...