fbpx
Caixa con distintos tipos de zapatos atopados nas escavacións do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil / xunta.gal

Unha caixa de zapatos medievais… Así vestían hai máis de 500 anos

Tempo de lectura: < 1 min.

Unha recente intervención arqueolóxica no mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil, Ourense) desvelou a que pode ser a maior colección de calzado medieval localizada en Galicia. Trátase dos restos en coiro de diferentes modelos de zapato, que apareceron mesturados con restos humanos. O equipo de arqueólogos dirixido por Víctor Rodríguez Muñiz, da empresa Breogán Arqueoloxía, localizou este considerable conxunto de prendas durante unha intervención determinada a coñecer as orixes máis remotas deste emblemático cenobio da Ribeira Sacra, promovida polo concello de Parada de Sil con financiamento da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

“Si, si, eu creo que debe haber catro modelos diferentes. Hai chinelas, botíns, algunhas teñen solas en madeira e outras non estamos seguros aínda de serán de cortiza”, explica Eduardo Breogán Nieto, director de Breogán Arqueoloxía en Cultura Galega. Pero ao examinar as fotos dos achados, o que se ve é sorprendente. Aparece toda unha colección de calzado de coiro que hai máis de cincocentos anos calzaron os monxes de Santa Cristina de Ribas de Sil.

Nun territorio como o galego, caracterizado por unha elevada acidez do chan e notable humidade, escasas mostras de tecidos e roupas medievais foron conservadas ou atopadas en intervencións arqueolóxicas. Consérvanse algúns fragmentos de tecido aparecido na apertura de sartegos, e as principais mostras atópanse nos relicarios das catedrais do país. Pero ata o momento nunca aparecera unha colección tan extraordinaria de calzado medieval. Pendente aínda dunha datación máis precisa, estas chancas, botas e zapatos deitan luz insospeitada sobre a vida cotiá nun mosteiro medieval do reino de Galicia. Toda a reportaxe en Cultura Galega.

Pode que che interese...