Nosa Señora da Pastoriza, no Concello de Arteixo / foto HdG

Nosa Señora da Pastoriza, un santuario milenario asediado polas grandes industria da Coruña

Tempo de lectura: 3 min.

A cinco quilómetros escasos da Coruña, no lugar chamado A Pastoriza, nun espazo que durante séculos formou parte das hortas da cidade, atópase un dos santuarios máis cheos de historia de Galicia. É o Santuario da Nosa Señora da Pastoriza, seguramente o de máis devoción desta zona, e no que todos os anos no mes de setembro centos de romeiros acoden a renderlle culto á Virxe, a beber da súa fonte e a prender candeas sanadoras.

Emilia Pardo Bazán e o rei suevo Requiario

Durante os séculos XIX e XX foi un os lugares de maior devoción da contorna da cidade. Tal é así que ata a mesma Emilia Pardo Bazán chegou a escribir un pequeno libro en castelán titulado A lenda da Pastoriza, publicado en 1887. Nel se reflicte a devoción das xentes da Coruña e Arteixo, e en xeral da contorna, a esta virxe. Foi especialmente entre os traballadores das fábricas da cidade, e da tabaqueira en concreto, e unha devoción que segue aínda viva entre as clases traballadoras da urbe.

Neste libriño tamén dá conta da orixe remota da ermida, afirmándose que esta tería unha antigüidade de quince séculos e a súa orixe na época sueva. Esta teríase fundado no século V e, segundo a lenda, o rei suevo Requiario teríase convertido ó catolicismo neste lugar baixo o amparo do arcebispo de Braga. Sería así o primeiro monarca da península en converterse a esta relixión e un dos primeiros monarcas do medievo europeo en facelo.

O Berce da Virxe

Mais, sexa como for, o primeiro santuario non tería aguantado moito tempo en pé. Pois no ano 997, despois de asediar Compostela e seguir cara o norte, as tropas de Almanzor terían saqueado por completo tamén o lugar da Pastoriza. Segundo a lenda, so se salvaría a imaxe da Virxe. Foi, precisamente ante a inminencia do saqueo, que un grupo de fieis agocharía a imaxe nalgún recuncho da contorna. Despois tamén eles perecerían antes os musulmáns deixando por séculos o lugar como un enigma.

A imaxe da Virxe aparecería, segundo se conta, nun lugar descoñecido moito tempo despois. Xa sería no século XIX cando unha cativa que coidaba o gando neste lugar de pastos, ou pastoriza, descubre a imaxe de novo. Cóntase que  unha estrela se lle apareceu durante varias noites enriba das penas. Alí foi onde a atopou, nunha pequena cova entre as pedras. É o lugar que na actualidade se coñece como o Berce da Virxe.

Un santuario lítico

A oquedade segue a servir de lugar de culto na actualidade. É onde se prenden as candeas acesas á virxe e onde se deixan os exvotos con formas do corpo agardando sanación. Enriba da pena, nunha especie de miradoiro sobre os penedos atópase na actualidade a imaxe da Virxe -de cronoloxía contemporánea-. Antes disto un gran viacrucis sube ata o santuario por unha alta escaleira de pedra.

E é que o lugar é en realidade o característico santuario lítico de Galicia. Nel cultos pagáns ó redor das rochas, a auga, as tradicións sanadoras e protectoras se mixturan coa relixiosidade católica e o culto ás imaxes. É sen dúbida unha vez máis, como tantas no noso territorio, a cristianización dun lugar pagán para adaptar as tradicións máis antigas á realidade do culto cristián.

Asediado pola industria

Se ben durante os séculos XIX e XX o lugar foi un dos santuarios con máis devoción da provincia, hoxe é para os galegos é un dos lugares de culto máis descoñecidos. Isto é porque co paso do tempo o espazo que outrora foran fértiles hortas e pastos fóronse convertendo pouco a pouco nun espazo periurbano da cidade enchido de edificacións alleas ó santuario. Ó pé da comarcal AC-451 e nun espazo mixto periurbano, no que se unen edificacións sen control urbanístico e pequenas naves industriais.

O lugar está tamén asediado pola gran industria da Coruña. Nos anos sesenta do século XX o polo industrial da cidade trasladouse dende a zona da Palloza e Orzán ata o lugar Agrela. Aquí foi onde se asentou a refinería de petróleo de Repsol, xa no concello de Arteixo. Tamén na desembocadura do río Rosadoiro asentouse o segundo gran polo industrial da cidade, o polígono de Sabón. Co tempo esta gran industria, esencialmente a refinería de petróleo, foi crecendo ata chegar ata pouco máis dun quilómetro do santuario.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: