fbpx
Escavación realizada por Anta da Moura / FB Anta da Moura

Novos restos romanos que poden revolucionar a historia de Vigo: Unha gran vila ou un edificio público romano?

Tempo de lectura: 2 min.

Unha nova Toralla. Iso é o que pensa o equipo arqueolóxico dos restos que estes días están escavando no centro de Vigo, entre as rúas Juan Ramón Jiménez e Marqués de Valterra. Trátase de muros e outras estruturas do que semella unha zona de traballo ou almacén dunha vila romana.

Os restos atopados, aínda que miúdos, apuntan a unha gran construción que podería competir en tamaño e importancia coa veciña vila de Toralla. Un novo achado para Vigo que poderíase confirmar cando se realice a escavación ordenada como paso previo á urbanización do tramo entre a rúa de Juan Ramón Jiménez cara a Torrecedeira, onde está previsto realizar outro ascensor inclinado.

Estes novos descubrimentos realizados pola empresa Anta de Moura coinciden co atopado nesa zona hai 20 anos, cando apareceu material cerámico e un importante conxunto construtivo que incluía a presenza dunha base de columna que estudou o profesor da Universidade de Vigo Fermín Pérez Losada, o arqueólogo que escavou Toralla. Tamén nun solar próximo a Cordelerías Mar, a empresa de arqueoloxía Adro traballa nas tarefas de consolidación e protección do paramento doutro muro romano que tamén se sitúa cara á rúa do Marqués de Valterra.

Teorías diverxentes

Precisamente, Fermín Pérez Losada, no seu libro Entre a cidade e a aldea, destacaba que aquel material construtivo aparecido casualmente hai 20 anos — muros, abundancia de ladrillos e canalizacións e o uso dunha arquitectura culta– era de “considerables dimensións, excelente calidade e tipoloxía, totalmente clásica, encuadrable no modelo ático vitrubiano”. E engadía que podería corresponder cunha “moderadamente rica e luxosa vila a mare de carácter suburbano”.

Pola contra, o tamén arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro apuntaba outra hipótese completamente diferente e aseguraba, analizando eses mesmos restos de hai 20 anos, que poderían corresponder cun gran edificio público. Unha teoría que, de confirmarse, cambiaría por completo a concepción que hoxe se ten do vicus romano, xa que ata agora non pasaría de ser máis alá dunha pequena vila de mar con pouca estrutura urbana. Vía La Voz de Galicia

Pode que che interese...