fbpx

Mondoñedo, os 800 anos do pobo-catedral que naceu para fuxir dos ataques dos viquingos

Tempo de lectura: 2 min.

Co deseño dun románico de transición, seguidor do modelo de Languedoc e da basílica compostelá, no ano 1219 comezaba a construción da actual catedral de Mondoñedo. Era a gran obra arquitectónica dun episcopado que nacera no século IX, cando un grupo de monxes, coas bendicións do rei Alfonso III, fundaran unha diócese ó pé do Atlántico. Co tempo, e ante o inminente perigo de saqueos normandos e viquingos, buscaríase un novo emprazamento terra adentro para unha nova sede episcopal: a actual Mondoñedo.

É por isto que este ano a vila galega, que chegou mesmo a ser capital de provincia, celebrou por todo o alto, a pasada fin de semana, o 800 aniversario da súa catedral. Foi durante as festas de San Lucas, que precisamente por este motivo tiveron nesta ocasión un carácter excepcional. Unha espectacular xuntanza cabalar, o Festival Intercéltico, grandes concertos ou un espectáculo pirotécnico-musical foron algúns dos ingredientes dunha celebración única.

 

Mais o protagonismo este ano estivo na mesma fachada da súa propia catedral. Pois a noite do sábado ó domingo o seu frontal gótico converteuse nunha gran pantalla. Alí se proxectou un videomapping, con imaxes que foron o centro dun gran espectáculo audiovisual. Nel puidéronse ver secuencias como a desmontaxe virtual da fachada, o seu asolagamento, fragas, montes ou estrelas, nun espectáculo titulado “catedral axeonllada”.

 

800 anos dunha construción única

E é que despois de que a raíña Dona Urraca e o papa Pascual II, a comezos do século XII, permitiran o traslado definitivo da sede, foi no episcopado de Martiño I, case un século despois, cando se comeza a obra. Martiño foi o gran impulsor da construción, que consagrará el mesmo, e que quedaría moi avanzada nun tempo record. Pois, aínda que non se rematou por completo ata o século XIV, a mediados de aquel século XIII xa era plenamente funcional.

E é que, cun frontal de tres grandes arcos apuntados cegos e un gran rosetón de máis de 5 metros de diámetro, con tres naves e bóvedas de crucería no seu interior a catedral é un edificio soberbio. Contén tamén pinturas murais e singulares retablos, e reformas nos séculos XVI e XVIII que lle darían a imaxe que hoxe ten. Sería declarada Monumento Nacional no ano 1902, e basílica por bula papalis de Xoán XXIII.

Mondoñedo / foto DavidDaguerroCCBy Wikimedia

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...