fbpx
Mámoa atopada a 1.000 metros de altitude en Ribas de Sil / Patrimonio dos Ancares

Atopan as primeiras mámoas de Ribas de Sil a máis de 1.000 metros

Tempo de lectura: 2 min.

O día 25 de xaneiro de 2020, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos as primeiras mámoas do concello de Ribas de Sil. Os achados producíronse de forma casual, cando iamos na busca da Pena Furada, lindeira entre o concello lugués de Ribas de Sil e os concellos da provincia de Ourense de Castro Caldelas e San Xoán do Río, da que nos falaran que posuía uns gravados que, polo de agora, non atopamos. Foi no Monte do Coto, a 1.015 metros de altitude, na parroquia de Torbeo, a 100 metros do límite co concello de San Xoán do Río.

A primeira, a máis pequena, ten unhas medidas de 12 por 8,50 metros; perdeu gran parte da masa tumular; no medio asoma un esteo que puido formar parte da cámara pétrea. A 375 metros da anterior está a segunda, duns 18 metros de diámetro e 0,80 de altura; sobre o túmulo e nas inmediacións vense pequenas pedras de cuarzo que puideron formar parte da coiraza que recubría o túmulo de terra. A terceira, a 120 metros da anterior, é a de maiores dimensións e a máis espectaccular; ten máis de 22 metros de diámetro e 1 de altura; no centro apréciase un cráter de violación (feito para buscar supostos tesouros) de 1,5 metros de diámetro pouco profundo; por situarse na parte máis elevada do terreo resulta moi visible dende lonxe.

Primeiras mámoas atopadas en Ribas de Sil / Patrimonio dos Ancares

Estes tres enterramentos atópanse a uns 2 quilómetros en liña recta do coñecido grupo de mámoas do Alto da Arma, en Mazaira, no concello de Castro
Caldelas. Por outra banda, non figuran nin no Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia (PBA), onde se recollen os bens patrimoniais catalogados, nin no PXOM do Concello de Ribas de Sil do ano 2009. Este último fai mención ao xacemento da Eira da Torre ou Medoña de Soutordei (medoña é un dos nomes polo que se coñecen as mámoas), pero situando no lugar unha explotación mineira de época romana. Si temos coñecemento de varios topónimos no concello que fan alusión a enterramentos megalíticos, como A Medorra en Piñeira, ou a citada Medoña do Soutordei, pero en ningún destes sitios localizamos ningunha mámoa, da que había en Piñeira contáronnos hai anos que fora destruída.

As mámoas teñen unha antigüidade duns 6.000 anos, adscritas ao período Neolítico. Trátase, entón, dos xacementos patrimoniais máis antigos
documentados ata o presente no concello de Ribas de Sil onde si están catalogados seis castros e preto de vinte explotacións mineiras de época romana.

Os achados xa foron comunicados por rexistro electrónico ao Servizo de Xestión Cultural da Xunta de Galicia para que procedan á súa catalogación e
llo comuniquen ao Concello de Ribas de Sil para que as inclúan no PXOM.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...