fbpx
Castro de Montes Claros, na Laracha / foto Nemigo CCBy Wikimedia

Canto custa un castro?… e un menhir?

Tempo de lectura: 2 min.

46.805,16 euros. Ese é o prezo que pagou o Concello da Laracha para completar o procedemento de expropiación da totalidade das parcelas que albergan o Castro de Montes Claros e que suman unha superficie total de 29.917,01 metros cadrados. Previamente, xa adquirira por mutuo acordo cos anteriores donos os outros 13.362,96 m2, investindo unha cifra próxima aos 20.000 euros.

Precisamente, esa primeira parte do castro explotada xa fora obxecto dunha serie de intervencións dirixidas a poñer en valor o xacemento castrexo. Agora, e tras a adquisición total deste ben, o concello quere iniciar unha segunda fase dentro do Plan Especial de Patrimonio Cultural promovido polo executivo local co fin de ofrecer a máxima protección aos máis destacados bens de carácter histórico-artístico do municipio.

O Castro de Montes Claros sitúase entre as parroquias de Vilaño e Cabovilaño a unha altitude de 216 metros. Constitúe o principal sitio arqueolóxico da Laracha polo seu tamaño, visibilidade e monumentalidade.

Menhir de Erboedo, tamén coñecido como Marco da Anta ou Pedra do Ghicho / Galicia Pueblo a Pueblo

Menhir

Tras facerse coa totalidade do castro, o Concello da Laracha tamén ten previsto, dentro do seu Plan Especial de Patrimonio Cultural, adquirir o menhir de Erboedo. Para iso xa está consignada unha partida nos orzamentos de 2020.

Este monumento está situado no monte Santa Leocadia, moi preto do límite con Arteixo, tamén é coñecido como pedra fita Marco da Anta ou Pedra do Ghicho. É unha singular peza granítica do Neolítico de dous metros de alto.

Pode que che interese...