fbpx
Pedra de raio, que pode conter treboadas e raios / ashepamicuba.com

As pedras do raio, como os galegos quixeron conquistar as treboadas desde o Paleolítico

Tempo de lectura: 4 min.

O tempo cambiante e inestable é moitas veces sinónimo de primavera. O refraneiro galego recorda que “ata o corenta de maio non afroxes o saio”, e é que os nosos ancestros eran ben coñecedores de como a meteoroloxía de maio podía cambiar con moita facilidade. E ante ditos cambios, calquera precaución era pouca.

“Maio atreboado, ano temperado”, tamén avisaban, sen por isto esquecer o medo ante un fenómeno atmosférico como son as tormentas. Raios e tronos sempre foron fenómenos a temer, e os rituais para protexerse abundantes. Dende acender candeas ata pedir intervención a diferentes santos, colocar nas xanelas o Ramo do Domingo de Ramos, queimar unha rama de oliva ou dispoñer limas de ferro no lugar no que durmían os animais. Estes son algúns dos mecanismos que se poden atopar na tradición galega e que recolle o antropólogo Rafael Quintía Pereira. Ademais, destaca como noutras culturas tamén se seguen métodos semellantes.

Porén, a Pedra do Raio (os seixos cristalizados) é un dos obxectos máis populares á hora de protexerse contra as tormentas. Os seixos cristalizados sorprenden polas súas formas poligonais, así como pola súa transparencia, o que os converte nunha pedra cunhas propiedades moi interesantes. “É sólido, pero parece líquido, lembra á auga”, destaca  Quintía, quen estudou os usos desta pedra no seu artigo “Usos rituais do seixo no rexistro etnográfico e arqueolóxico de Galicia”.

“Entre o calor e o frio/ Se gera a pedra do raio/ Quem me dera a fortaleza/ Quen tem o trovão de Maio”, explica unha cantiga portuguesa de Viseu que recolle Quintía no seu traballo. Dende o paleolítico, relacionouse estas pedras cristalizadas coas puntas dos raios que caían á terra. Na época romana, Plinio apuntaba a mesma crenza, ademais de sinalar que se gardaban como amuletos o que coñecían como fulgarita ou ceraunia. “Cando había tormenta e caían os raios á terra, a súa electricidade fusionábase coa area e formábanse estes amuletos, que despois se afundirían sete niveis baixo a terra”, expón Quintía sobre estas crenzas.

Segundo a tradición popular, como recolle o antropólogo, os seixos tamén se relacionan cos carballos. “A xente di que dentro dos carballos se poden atopar as pedras do raio , ao que se lle suma que estas árbores ás veces actúan como pararraios”. Todas estas crenzas populares acaban confluíndo nas diferentes propiedades que se lles atribúe aos seixos e nos seus usos ao longo da historia.

“As sociedades rurais e tradicionais dependen dun montón de cuestión que se escapan do noso control. A meteoroloxía condiciona a colleita e o mundo agrario, entón botábase man destes mecanismos protectores para garantir unha meteoroloxía favorable e así a supervivencia. O seixo, e outras pedras, teñen como función medir esas forzas das que depende o tempo”, comenta Rafael Quintía.

Por outra banda, destaca que esta pedra tamén está relacionada coa fertilidade e o ciclo da vida, sendo esta utilizada incluso como favorecedora da lactación. Que a supervivencia das sociedades agrarias dependesen dunha meteoroloxía favorable é outro camiño para relacionar a vida co tempo atmosférico.

Así, na historia de Galicia recóllense diferentes formas de protexer as casas con seixos. As máis habituais son aquelas nas que estas pedras se colocan en xanelas e portas cando hai tormenta. “As casas teñen unha serie de puntos vulnerables, que son as portas, as xanelas e o tellado, polo que temos seixos con fins protectores colocados ao carón destes lugares”, matiza o antropólogo. “Nos tellados tamén atopamos pedras cumiais de seixo, con forma redonda ou apuntada cara o ceo, e nalgúns lugares de Galicia, botábanse enriba do tellado para protexer da tormenta”, engade.

Pedras dos raios como elemento protector / remitida

OS SEIXOS: MÁIS ALÁ DAS TORMENTAS

Porén, a presenza desta pedra nas casas atópase con diferentes finalidades. No castro de Viladonga son varias as construcións que posúen un gran bloque de seixo na súa base. Algunhas hipóteses apuntan a que se usaba como elemento de sinalización. Porén, Rafael Quintía quere destacar o seu uso simbólico, pois este é “un caso paradigmático”. Aínda que os arqueólogos sinalan estas pedras como indicadores de camiño “é posible tamén o seu uso simbólico xa que, debido ás dimensións do castro, unha pequena aldea, non sería tan necesaria esta sinalización”

Con respecto a isto, en Galicia atópase este tipo de pedra en lindeiros de camiños ou casas próximas a carreiros, pois as propiedades dos seixos facilitaban a visión nocturna. Trátase dun uso máis práctico destas pedras. Tamén é habitual atopalo como elemento construtivo, colocando as pedras de seixo entre cachotería para dar solidez aos muros. Porén, sempre hai que distinguir entre o seu uso máis práctico, como son estes casos, e o seu carácter simbólico, cando aparecen tallados en puntos estratéxicos, aínda que tamén formen parte das paredes dunha construción.

Quintía tamén destaca como as propiedades físicas do seixo fixeron que estas pedras se usasen en diferentes rituais ao longo da historia e en diferentes contextos e partes do mundo. Un exemplo poderían ser o seu uso en ritos chamánicos ou entre a poboación amerindia, onde estas pedras eran introducidas en axóuxeres, que ao seren axitadas, brillaban e producían chispas.

Dende amuletos en depósitos votivos, como favorecedor da fecundidade e da lactación, como pedras curandeiras para a pezoña… Os seus usos foron moi variados, e non só se atopan na cultura galega, o que fai do seixo unha pedra moi singular e chea de significados.

Pode que che interese...