fbpx
Santa Clara / foto visit-pontevedra.com

Descobren no convento de Santa Clara de Pontevedra un novo mural do s.XVIII

Tempo de lectura: 2 min.

Un mural nunha parede de cal, unha columna de pedra con gravados e unha ara romana son algúns dos descubrimentos máis recentes no convento de Santa Clara, en Pontevedra. O cenobio é propiedade municipal dende o 1 de decembro do 2020, e nel residiron monxas pertencentes á Orde das Clarisas ata o 25 de setembro de 2017.

Dende o desaloxo do convento e a suspensión do seu estatus de mosteiro no 2018, son múltiples os obxectos e bens que se atopan nel. É por iso que ata o 2025, a Escola Superior de Restauración e Conservación de Bens Culturais de Galicia, a través dun convenio co Concello de Pontevedra, estudará algúns dos tesouros que se atopan entre as paredes do convento.

Foi nunha visita da Escola de Restauración o pasado mes de marzo cando descubriron un novo mural, que se atopa na planta baixa do convento, nunha sala que se vincula cun antigo comedor utilizado fai máis de 200 anos. A peza atópase nunha parede encalada ao lado dunha lareira, e trátase dunha policromía con grafías e debuxos zoomorfos. As primeiras pesquiñas datan o mural do s. XVIII.

A Escola de Restauración interesouse por este mural, que pasou desapercibido ata entón. Ante dito descubrimento, ábrese a posibilidade de atopar máis imaxes detrás da cal que recobre a parede.

“Santa Clara é unha cápsula do tempo. As visitas que se organizaron permitiron realizar novos achados e incorporar novos capítulos ao relato dun edificio que ten un valor artístico e histórico incalculable”, comenta o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda.

Ao descubrimento do mural súmanse outros, como unha columna de pedra con gravados e inscricións que se atopa no claustro do convento ou unha pedra con simboloxía medieval que chamou a atención á profesora de Historia da Arte na USC, Dolores Barral. Tamén destacan a presencia dun pequeno pedestal romano, cuxa existencia xa fora notificada fai 50 anos polo arqueólogo Antonio Costa.

Ata o de agora, 10.000 persoas expertas en distintos ámbitos puideron descubrir o cenobio.  O Convento de Santa Clara non deixa de ser unha caixa de sorpresas, que dende a súa incorporación ao patrimonio público abraia a quen o visita. Máis información en Diario de Pontevedra.

Pode que che interese...