Atopan a obra de Ferrín que o levou á cadea en 1969
En 1969, durante o Estado de Excepción promulgado polo goberno franquista, Méndez Ferrín foi detido, xulgado e encarcerado durante case dous anos acusado dun delito de propaganda ilegal. Foi pola posesión de obras de Mao-Tse-Tung, revistas sobre Cuba e un libro sobre Hô-Chi-Minh. Tamén pola posesión de tres exemplares dunha novela propia, ata o de agora inédita, Os corvos, a figueira e a fouce de ouro.
Escrita baixo o pseudónimo Laín Feixóo, era “unha ficción alegórica baseada en feitos reais que”, segundo afirmaba Ferrín ó ser detido na comisaría de Vigo “non pensaba publicar”. O libro estaba dedicado “ó Piloto, o último guerrilleiro de Galicia, abatido a tiros en Belesar (Lugo) no ano 1954”. Tamén a outros guerrilleiros que defenderon a honra, a liberdade, a democracia e que acabaron asasinados polo réxime.
A obra conservouse xunto coa sentenza que o condenou a prisión nos fondos do actual Centro Documental da Memoria Histórica, situado en Salamanca, e a pesar do seu deplorable estado de conservación puido ser recuperado. Foi grazas ó docente e investigador da Universidade de Vigo (UVigo) Fernando Ramallo director da área de Normalización Lingüística da universidad.
Foi el quen localizou o incunable e promoveu a súa restauración. Esta correu a cargo da Secretaría de Estado de Cultura que tivo que desenvolver unha minuciosa recuperación. O descubrimento foi confirmado á universidade polo investigador nos pasados días e agárdase que pronto poida ver á luz a obra que, hai agora máis de 50 anos, levara ó candidato ó Nobel, por segunda vez na súa vida, ás cárceres do Franquismo.