fbpx
Liña Zamora Ourense / foto descubresanabria.com

Ourense-Zamora, a liña dos escravos

Tempo de lectura: 3 min.

Hai uns días chegaba ós medios unha nova sobre as condicións laborais dos traballadores la liña de AVE entre Ourense e Zamora. Nela contábase como, tal e como relataban algúns operarios, e como denunciaba a CIG, os traballadores sufriron unha explotación laboral non propia do actual século, con xornadas de máis de 14 horas, sen descansos, sen acceso a fontes de auga ou comida suficiente.

E é que a historia repítese, aínda que non coa mesma brutalidade, xa que na construción da, aínda en uso, liña Ourense-Zamora a man de obra literalmente escrava foi parte imprescindible para a súa construción. A historia comeza entre 1855 e 1857 cando se coñece por primeira vez a posibilidade de desenvolver un tramo radial de ferrocarril entre o porto de Vigo e a cidade de Madrid, pasando por Ourense e Zamora.

En 1860 xa estaba construída a liña entre Madrid e Medina del Campo e en 1864 xa chegaba a Zamora. Porén, neste último ano, unha comisión de enxeñeiro emitiu un informe no que se desaconsellaba a prolongación a Galicia. A súa orografía converteríaa nunha das obras máis complexas do ámbito peninsular quedando desbotada, optándose daquela pola construción do paso cara á Coruña a través do val do Sil.

Estación de Torres de Aliste en Zamora / foto TamorlanCCBy Wikimedia

 

A man de obra escrava do Franquismo

Porén na ditadura de Primo de Rivera xurdiu a necesidade de reducir o forte desemprego con grandes obras públicas, obxectivo co que en 1926 aprobábase o plan Guadalhorce. Sería daquela cando se retome a liña e cando se comece de feito a súa construción. Mais tras a crise de 1929 baixou especialmente o seu ritmo e en 1936 parou de feito.

A obra foi retomada polo Franquismo. Do mesmo xeito que ó longo de toda a súa historia a liña contou con grandes restricións de orzamento. Mais neste momento a obra puido levarse por fin a diante a baixo custe gracias ó traballo forzado dos presos do réxime. Sumáronse ós traballadores do tren, tamén chamados carrilanos, quen non tiñan tampouco especiais privilexios nun extenuante traballo.

Presos republicanos galegos no campo de concentración nazi de Mauthausen

Nos lugares máis duros

Se xa antes da guerra a conflitividade laboral foi alta, chegando mesmo á morte dun obreiro nas protestas, tras a vitora as condicións de traballo endurecéronse aínda máis. De feito, o primeiro Consello de Guerra e a primeira execución de Ourense foron de carrilanos. Peor foi para os traballadores forzados, man de obra literalmente escrava que procedía sobre todo de presos republicanos e purgados da posguerra.

Establecéronse, segundo se coñece, nos lugares máis duros dun trazado que en dous terzos era soterrado. Foi sobre todo na construción do túnel de Padornelo, que é ata a actualidade ó máis longo en uso do ferrocarril español. Tamén na construción do viaduto sobre o río Tella, de 25 metros de altura e 11 arcos de formigón e perpiaño. Moitos enfermaron e perderon a vida.

A liña, foi finalmente rematada en 1958, e inaugurada con solemnidade polas autoridades da ditadura. Estímase que nela traballaron, entre carrilanos e presos ó redor dunhas 15.000 persoas. Hoxe as novas que nos chegan da actual liña do AVE fannos pensar que, de novo, a historia desta liña de conexión entre Galicia e Madrid terá tamén unha historia maldita.

Viaduto de Santiso O Irixo / foto EstevoaeiCCBy Wikimedia

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...