fbpx
Pazo dos Fonseca de Tras Salomé / foto turismo.gal

Danan en plena corentena a fachada do pazo renacentista de Tras Salomé cunha limpeza

Tempo de lectura: 2 min.

Un dos lugares máis singulares do centro histórico compostelán é a rúa Tras Salomé. Unha pequena rúa que contén un pazo renacentista, o coñecido como Pazo de Fonseca, con tres singulares arcos cegados que se conserva como mostra da singularidade da cidade ó longo de diferentes épocas en diferentes recunchos. O lugar é tamén moi coñecido polos composteláns por albergar no seu interior o coñecido pub A Reixa.

Mais a pasada semana saltaban todas as alarmas cando un coñecido blog de arte denunciaba unha limpeza inadecuada das súas fachadas con métodos abrasivos que acabará no deterioro incuestionable dos seus singulares e históricos relevos. O blog El Barroquista etiquetaba na súa conta de tweeter o feito como “Un desastre patrimonial”.

Capitel con limpeza excesiva en Tras Salomé / foto Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego

Pois a intervención tal e como apuntan os expertos en restauración, supón unha problema especialmente importante para a conservación do granito. Xa que con limpezas non adecuadas e a perda da pátina acelérase a meteorización ou descomposición da pedra en area, perdéndose, entre outras cousas os detalles escultóricos presentes dende o século XVI.

Unha desfeita que podería rematar en sanción

Tras a denuncia pública dende a no blogun equipo de técnicos do Concello achegouse ata a obra, para comprobar o seu estado. Tal e como recollía o xornal El Correo Gallego a Concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, confirmou que se abrira un expediente por irregularidades na execución do proxecto, pero que a desfeita non foi descuberta polos técnicos ata o propio día da Ascensión.

Arco cegado de Tras Salomé / foto Asociación Para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego

Sinalábase ó medio que o feito de que a obra se fixera durante as semanas de confinamento provocara a dificultade de detectala a tempo, e “que tanto os capiteis como os medallóns da fachada limpáranse de máis”. Afirmaba que, polo de agora, estase a de avaliar a correspondencia co proxecto de obra para ver se, como todo apunta, a intervención remate nunha sanción.

Denuncia da Asociación Profesional de Restauradores

Outra das voces que se alzou contra a desfeita foi a da Asociación Profesional de Conservadores e Restauradores de España (ACRE), que dende a súas redes sociais lamentaban a intervención. Dende a asociación laméntanse de que un dos grandes problemas do patrimonio é a falta de contratación de especialistas adecuados. “Non podemos tolerar máis atentados ó patrimonio cultural. Sen especialistas en Conservación-Restauración non hai conservación do Patrimonio”, afirmaban.

Pazo dos Fonseca de Tras Salomé / foto turismo.gal

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...