Miguel Anxo Seixas: “Castelao é o deseñador da nación galega xunto con Camilo Díaz Baliño”
Está a publicar a biografía de Castelao. Saíu xa o primeiro tomo dos tres. Qué pode agardarse do segundo?
O tomo 2, publicado pola editorial Galaxia, xa en impresión sae a finais deste mes de xuño de 2020. Xa no tomo un se explica que é un dun proxecto total con tres entregas anuais. O segundo tomo corresponde os anos 1931-1939 incluídos. Son os anos do Castelao político pois será un dos deputados nacionalistas galegos nas Cortes constituíntes, da creación do PG, e as súas accións políticas e culturais. O Castelao artista e escritor vai ser o máis político dos intelectuais galegos e entregarase de cheo a ese labor para conseguir que se lle outorgue o Estatuto de Autonomía a Galicia. Un difícil obxectivo que se consegue tarde e que se presenta o goberno en o 16 de xullo de 1936 cando xa un grupo de militares desleais programara un golpe de estado contra o lexítimo goberno da Fronte Popular. Castelao deputado fora a Madrid coa súa dona Virxinia Pereira á entrega oficial dese resultado a favor do Estatuto e xa non puido volver. O fracaso do golpe militar trouxé deseñador da nación galega xunto con Camilo Díaz Baliñoo unha guerra e Castelao estará a favor da República á que tenta valerlle e nese labor a prol do goberno e da República acaba en Nova York onde se exilia.
Como especialista na obra de Castelao cómo definirías o seu estilo? Onde o colocarías, tendo en conta as anovacións que estaban a ter lugar na arte galega dos anos 20 e 30?
El é un artista autodidacta. Destacou de novo no debuxo e sempre lle interesou a arte. Primeiro cando e estudante de medicina risca caricaturas cómicas. A mudanza vén en 1914 en que nos seus debuxos son humorísticos pero xa fan pensar e reflicten unha Galicia que os galegos viven pero que se pode mudar; son unha enxeñosa arma política que chega a través da primeira páxina da prensa á xente. A arte en si é e inútil e minoritaria, e el practicouna como paisaxista, pero el amais soubo valerse da prensa, un medio barato e numeroso para chegar cos seus debuxos a moitos en moitas partes. O debuxo é pois unha arma para diagnosticar a realidade e para intentar chegar con eles ós galegos a través da barata prensa e dos seus ecos noutras revistas e xornais en Galicia e na emigración. O mesmo acontece co álbum Nós que se expón dende marzo de 1920 en varias cidades. Na pintura evoluciona e pasa do costumismo a unha pintura simbólica ou primitiva ó redor de 1919. Asemade tamén e ilustrador de revistas e de libros. El crea en 1920 o xénero “a cousa”: a unión ou conxunción de imaxe e do texto, ambas feitas por el, que se complementan. Amais fixo escenarios para a Coral Polifónica de Pontevedra, carteis para a xornais, para o Estatuto. El é o deseñador dunha imaxe de Galicia. Foi teórico da arte e fixo unha viaxe por Europa en 1921 da que deixou un Diario e onde se interesou polo expresionismo e polo teatro de arte popular. El mira e trae de fóra sempre aquelo que lle é válido para un proxecto político de prosperidade e perfeccionamento de Galicia e dos galegos.
De qué artistas e pensadores galegos pensas que Castelao recibiu influencias?
El confesa a súa admiración pola arte popular, e logo por Patinir, por Memling, por outros que ve no Museo do Prado, polos primitivos flamengos, pola pintura xaponesa e polos expresionistas alemáns. No Diario de 1921, escrito en galego, cando percorre París, Gante, Bruxas, Colonia, Berlín e Múnic e deixa el esas e outras confesións sobre a arte que ve.
De qué xeito Castelao presenciou a arte da súa época (e con isto digo non so europea senón de outros continentes) e de qué maneira a filtrou no seu estilo?
El nace en Rianxo e o que percibe é a arte popular e a arte relixiosa nas igrexas. O acceso a arte chégalle a través de revistas de humor e ilustradas que chegan a Santiago mentres estuda ou a Madrid cando vai en 1909. O repertorio da arte estaba no Museo do Prado que el visita e revisita e aí vería a Goya ó que admira e que influirá nel e a outros. O seu repertorio aumenta na viaxe de 1921 pois vai a París e alí ve arte primitiva, e case unha suma da de toda a arte nos museos. Outrosí ocorre en Bélxica e en Alemaña. Amais foi a exposicións de arte e mercou láminas, postais, catálogos, libros. El verá obra en directo e outra a través das reproducións en branco e negro e en cor en follas impresas.
Cal pensa que foi a aportación iconográfica e da linguaxe visual de Castelao para nós presentar?
Castelao pertence a xeración de 1916, una empresa cultural con relevantes compoñentes que están a crear un espazo liberado para a cultura. Intentan que a lingua e a literatura sexan hexemónicas e nese proxecto alternativo el colaborou como escritor, como orador, como artista e como político. Conxugou todo pois é o máis político deses intelectuais e o máis demócrata. Só por falar da arte: el é deseñador da nación galega xunto con Camilo Díaz Baliño: crea unha caligrafía maiúscula con letras latinas, recrea imaxes da prehistoria (dolmen), do esplendor medieval compostelán… Creou un imaxinario iconográfico. Por riba, deulle rostro e voz ó pobo galego en miles de debuxos gráficos que constitúen o inventario máis grande e variado dos rostros dos galegos de nación.
Cómo entendes que madurou a arte de Castelao nos anos 40 e 50?
Castelao maniféstase ou proxéctase en diferentes artes que se complementan e se enriquecen. Quere ser artista pero a súa ética esta detrás. Conxuga as artes como unha sombra pero o compromiso político é a súa luz. Cre na perfección. Por iso as veces a proxección cultural apágase temporeiramente para dedicarse de cheo a política. Cando chega en xullo de 1940 a Buenos Aires el e o símbolo de Galicia. Representara en 1941 0s vellos non deben de namorarse pero a súa acción é política porque Galicia está cativa, muda e seguirá coutada. Lembrara el alí ós asasinados galegos en agosto co Día dos Mártires, no día de A. Bóveda ó que retrata, e conmemorará o Día do Plebiscito de Autonomía, 28 de xuño, o Dia de Galicia o 25 de xullo… Por iso se dedica a ser orador, escritor e a redactar Sempre en Galicia, publicado en 1944. Será a voz de Galicia no exilio para conseguir que se aprobe, en novembro 1945, en México a tramitación do pendente Estatuto de Autonomía de Galicia. El, deputado nacionalista do PG, nas Cortes exiliadas e intenta asemade potenciar o pacto Galeuzca co goberno catalán e vasco. Mantén contacto e correspondencia cos galegos na clandestinidade en Galicia e co disperso exilio republicano e para iso crea o Consello de Galiza. Amais está moi cego e debuxa e pinta moi pouco: será unha obra circunstancial. A súa derradeira obra é unha acuarela de 1943.
Cal é forma na que Castelao mostrou a Historia nos seus gravados e ilustracións?
Os actores do Rexurdimento, a xeración de 1841, vanlle dar moita importancia a historia como un xustificante da nación galega. Os historiadores serán eses notarios da existencia da nación galega o que se suman os poetas e escritores. Dentro desa historia van insistir en dous tempos ideais: un do da Galicia castrexa ou céltica, da que pouco se sabe pero é unha referencia para os poetas e os artistas e outra e a Galicia medieval, a do esplendor de Xelmírez, das peregrinacións, da arte románica, dos cancioneiros coas súas cantigas en galego, dos documentos escritos en galego. Castelao como artista acudirá a eses repertorio do pasado para tirarlle proveito nese proxecto colectivo da construción da nación galega.
Tendo en conta o volume de traballo que levou a súa tese e logo biografía, cómo definiría o proceso de estudar, analizar, recompilar e escribir?
Tratase de reconstruír todo o tapiz dunha vida roto, esfiañado, disperso. Unha biografía é unha forma de contar parte da historia na que un dos protagonistas é o biografiado. Neste caso era dificultoso por ser un personaxe moi completo pero tamén polo vento dos tempos que o levou a moitos lugares e que o expulsou de Galicia. Ese vento da historia e a furia do vendaval da intolerancia destruíu e escondeu parte do seu legado. Por iso era dificultoso, por disperso, por escondido, destruído ou ignorado, xuntar todo nunha biografía. O resultado deses descubrimentos é o relato en tres grosos tomos da biografía que publica a editorial Galaxia. Pero amais Castelao estableceu unha ligazón cos espazos nos que viviu e coas persoas que tratou neles e quería que saísen eses outros personaxes que se relacionan dun xeito ou outro con el. Castelao non é unha estatua illada enriba dun pedestal ou un santo enriba dunha peaña. Había que baixalo dese podio e pasear con el pola terra e o tempo que el viviu. Hai que ter en conta os espazos xeográficos e as outras persoas que actúan canda el neses escenarios. El e un personaxe que nos conduce e relaciona con outros. Coñecendo mellor o escenario e os outros pode entendese mellor a súa actitude.
De atender a culturas como a británica vese que existe unha ampla produción de biografías de personalidades senlleiras e dende moi distintos enfoques e épocas. Nesta liña: pensas que é preciso facer unha biografía das personalidades senlleiras galegas?
Pois a cultura galega ten moitas obrigas pendentes e os novos escritores e artistas e investigadores terán que facelas. Cada un no seu saber ten que darnos esa obra pendente. Temos amais institucións que forman e adestran a xente nova para ser capaces dese labor. Ten que haber investigación rigorosa e, asemade, divulgación para chegar a cidadanía. Por iso terá que haber na escrita, na música, nas artes esas obras que ademais se complementen. Quero dicir que unha novela é compatible cunha obra de teatro, cun documental, cunha película, cunha canción ou cun vídeo do mesmo tema. Os galegos e os non galegos teñen que darnos esas súas obras, esas súas visións e interpretacións nas distintas linguaxes e con calidade. Por cinxirme a escrita na cultura galega predominan mais uns xéneros literarios que outros. Hai un desequilibrio. O que menos abunda deles probablemente sexa o ensaio e a investigación. Persoeiros galegos os que lle debemos case todo teñen os seus nomes tatuados en rúas, prazas, edificios, en premios… É un recoñecemento dos seus concidadáns pero, en cambio, non abundan esas biografías deses homes e desas mulleres que nos deron tanto. En fin, faltan moitas mais biografías para que con todas elas volvan a vivir e estar presentes entre nós nesa común e compartida república galega das letras.
De qué xeito se poden enxergar as xeracións que veñen no cultivo en calquera dos ámbitos da cultura galega?
Case contestei na anterior pero Castelao concibiu coa xeración de 1916 a Galicia como a grande obra. Algo que continúa en construción e como el dixo en xuño de 1920 nun emblemático debuxo: “-Non lle poñades chata á obra, mentres non se remata. O que coide que vai mal, que traballe nela; hai sitio para todos.”
Cada persoa coas súas competencias e en todos os ámbitos, ten que axudar a construír esa Galicia aínda imperfecta, mellorable, perfectible e solidaria.