Resdescobren sete grandes estacións de petroglifos “perdidas” polas administracións no Incio
O Colectivo Patrimonio dos Ancares redescubriu varias penas con petroglifos no concello do Incio. A redescuberta foi nos Montes de Vilasouto, a 590 de altitude e a un quilómetro do encoro, nos “montes de Val de Lombriz”, en Viloira, parroquia de Bardaos. Trátase de varias estacións teoricamente recollidas no PXOM do Concello do Incio do ano 2005, e nomeados como Petróglifos da Pedra Escrita de Treimonte.
“Perdidos” polas administracións
O colectivo fala de redescuberta pois a pesares de estar recollidos no PXOM do Incio, aparecen erroneamente catalogados. Segundo o documento, no estado de conservación afírmase que “non se aprecia”, o que para o colectivo significa que “que non os viron” e que simplemente se recolleu literalmente do catálogo da Dirección Xeral de Patrimonio, onde están nomeados co código GA27024030.
Ademais no documento aparecen nunha localización incorrecta, pois aparecen situados xusto no medio do encoro de Vilasouto. Ademais, segundo denuncian dende o colectivo, a pesares de estar recollidos no catálogo de Patrimonio non aparecen no Plan Básico Autonómico, o que deixa as estacións expostas a posibles danos e destrucións.
“Polo tanto, se nun principio cremos que era unha nova descuberta, sería unha redescuberta de confirmarse que se trata dos mesmos”, afirman dende o colectivo. Mais tamén abren a porta a unha nova descuberta “en vez das nove penas nós só localizamos sete e nalgúns casos non coincide coa súa descrición na súa totalidade”.
Un conxunto excepcional
Trátase de sete estacións de especial interese. “Nun afloramento de lousa lixeiramente inclinado, arredor dunha pía situada na parte superior da rocha, distribúense varias pequenas coviñas. Da pía sae unha longa canle da que parten varios sucos que embocan nas coviñas”. Contándose nesa estación un total de 26 cazoletas.
Tamén, a poucos metros, en lousas situadas rente ó chan, o colectivo localizou outros cinco grupos de gravuras. Tres terían dúas coviñas e unha ferradura cada unha, unha con cinco coviñas e once ferraduras, a outra sete coviñas e seis ferraduras e a última con trece coviñas máis.
O último grupo, alonxado dos anteriores, a uns 500 metros, descubriuse a 570 metros de altitude. Trataríase “dunha nova descuberta que documentamos grazas ó veciño David Mourelo”. É unha pena de lousa que tería na súa parte horizontal dez coviñas máis.
Dende o Neolítico á Idade Media
No tocante a posible datación das inscricións a cronoloxía pode variar dende o Neolítico ata a propia Idade Media. Segundo o colectivo, “polo desgaste dos sucos, cremos que poderían ser de época medieval. Segundo a lenda, no municipio do Incio este tipo de gravuras relaciónanse coas pegadas dos cabalos de San Mamede e Santiago“.
No tocante ás coviñas ó ser as representacións máis sinxelas da arte rupestre galega ó aire libre, son de difícil datación, pois son os elementos máis enigmáticos. “Debido á diversidade onde aparecen temos que pensar que non terían un único significado”. No tocante á súa cronoloxía, podería abranguer igualmente dende a prehistoria ata a Idade Media.