fbpx
Porto de Ancares - WikiLoc

A pousada no medio dos Ancares que uniu a lucenses e leoneses no s. XVIII

Tempo de lectura: 2 min.

Situado a 1.669 metros de altitude, o Porto de Ancares era o pesadelo de moitos viaxeiros, que se vían obrigados a enfrontarse a duras condicións meteorolóxicas, poñendo en perigo incluso a vida. Poso, no municipio de Cervantes, e Tejedo, en Candín, ao outro lado da fronteira, eran as aldeas nas que comerciantes e viaxeiros facían noite. A primeira atópase a dúas leguas do Porto, mentres que a aldea berciana a legua e media, o que para a época significaba un día enteiro de camiño.

Tan longa distancia, tendo en conta a existencia dun longo inverno, fixo que os veciños de Candín e Navia de Suarna (en concreto a aldea galega de Rao e a leonesa de Suárbol) solicitasen a construción dun mesón-pousada “con todas as posibles agradecidas comodidades na inmediación ao mesmo Porto”, un lugar deserto, pero relativamente lonxe das aldeas máis próximas. O obxectivo de tal solicitude era claro: ofrecer comida e un lugar no que viaxeiros e animais puidesen pasar a noite.

É por iso que no 1799 os veciños de ambas localidades elaboraron tres documentos, que o historiador Xavier Moure, pertencente ao Colectivo Patrimonio dos Ancares, acaba de sacar á luz. Os papeis están firmados por Juan Rodríguez, de Suárbol, e Juan Álvarez Murias, de Coruxedo, en Navia de Suarna, o que demostra a cooperación entre os lugares, a pesar de ser coñecida na historia máis recente a disputa pola propiedade do paso, que dende o 2017 quedou fixado que pertence a Galicia.

Nos documentos describen que o Porto dos Ancares se atopa “en deserto ou despoboado por falta de lugares inmediatos” como mesóns ou posadas, ao tempo que describen o perigo que supón atravesar o traxecto.

“Por propio coñecemento, e vista ocular, o Camiño Real e de estrada de Galicia que vén dende A Coruña a Castela cruza, e pasa polo Porto titulado de Ancares, o cal pola súa situación, e natural constitución é sumamente incómodo, penoso e intransitable… pois aí a neve cando non alcanza dun ano a outro, polo menos dura oito meses a cada un”, descríbese no documento. Isto supoñía “moitas desgrazas tanto de arrieiros, carruaxes, camiñantes… coas súas monturas”. Con respecto a isto, tamén está documentada a morte de catro persoas e os seus animais por mor desa “intemperie, inclemencia continua”.

Descoñécese se ao final construíron ou non o mesón-pousada”, explica Xavier Moure.“Restos, que saibamos, non hai, e as persoas coas que falamos nunca tal escoitaron aos seu antepasados. O que está claro é que o camiño polo Porto de Ancares era moi transitado”, conclúe. Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...