fbpx
Novo petróglifo atopado en Cervantes / Patrimonio dos Ancares

Atopan outro petróglifo a 1.300 metros nos Ancares

Tempo de lectura: 2 min.

Integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentaron un novo grupo de petróglifos na comarca. Foi a 1.300 metros de altitude, entre os montes do Teso de Acevedo e o Pico da Legua, na parroquia do Pando, no concello de Cervantes. Nunha pena granítica de 2 por 3 metros, situada a ras do chan, localizamos unha combinación, bastante erosionada debido ao paso do tempo, de dous círculos concéntricos con coviña central; e noutra pena próxima un grupo formado por tres cazoletas e un cruciforme.

Con estas son sete as combinacións circulares atopadas na comarca, e todas sobre soporte granítico. É importante destacar que dos preto de 1.000 quilómetros cadrados que abranguen os seis concellos da comarca dos Ancares, só nuns 10, entre as parroquias de Donís e O Pando (Cervantes), aflora o granito que é onde se gravaron este tipo de motivos. Sobre outra clase de penas, cuarcita e pizarra, só atopamos coviñas.

Ata o presente, dos 26 grupos de petróglifos documentados na comarca dos Ancares, 25 foron atopados por este colectivo, sendo o concello de Cervantes o que conta con máis grupos, cun total de 22.

Coviñas atopadas nun novo penedo en Cervantes polo colectivo Patrimonio dos Ancares / remitida

Sinalización dos petróglifos da Campa do Barreiro

A súa antigüidade remóntase a uns 4.000 anos. Canto ao seu significado, ao tratarse dunha arte simbólica son, en principio e como acontece co resto das representacións galegas, de natureza inintelixible e co único que xogamos son con hipóteses xa que este sistema de comunicación desapareceu xunto coas persoas que os xeraron, incluso cabe a posibilidade de que o seu significado só sería comprensible a determinados membros daquela sociedade. Polo xeral adoitan interpretarse como representacións simbólico-relixiosas asociadas a algún tipo de ritual ou delimitadores de espazos sagrados ou lugares máxicos.

Por outra parte, a Deputación Provincial de Lugo vén de sinalizar os petróglifos da Campa do Barreiro, os primeiros do concello de Cervantes que os do noso colectivo documentamos no verán do ano 2013. Os achados xa foron comunicados a Patrimonio para que procedan á súa catalogación.

Pode que che interese...