Un conxunto devocional único de 1878 con excepcionais vistas á ría? Así é Viacrucis de Louro
Quince estacións de pedra con imaxes de terracota da paixón, nun viacrucis que ascende pola anta do monte Oroso, nun camiño de grandes laxes de pedra trepando polo monte ata o alto. Alí, nuns penedos naturais sitúase a imaxe da virxe da Dolorosa, mirando directamente cara a ría. Este é o excepcional Viacrucis de Louro.
Trátase dunha obra que se remonta ó século XIX, a de 1878, financiada polos veciños e situado ó pé do convento de San Francisco. Da mesma porta do convento sae este magnífico viacrucis de 14 capeliñas de granito que conteñen unha imaxe de Cristo co número e a imaxe da estación. A número 15 é unha imaxe da Virxe Dolorosa sobre uns penedos naturais mirando de fronte ó Monte Louro.
Un viacrucis para o monte na volta dos frades ó convento tras a desamortización
Situada no pequeno val en Louro, no Concello de Muros e rodeado por un ancho muro atópase o coñecido como convento de San Francisco ou San Francisco de Rial. Trátase dunha obra que ten a súa orixe no século XIII e que é un dos recintos monacais mellor conservados da comarca. Ten a súa orixe no ano 1223, pero non foi ata 1432 cando pasou a converterse nun convento.
Segundo se relata sería o pai Gonzalo Mariño, quen fundaría o convento de Sueiro, na parroquia de Argalo, arredor de 1396, cando o actual convento sería tan só unha capela románica dedicada a Santa Mónica. O lugar estaría preto da chamada Fonte dos Frades ou da ponte de San Francisco. Porén neste ano 1432 pasaría á ser convento a localización actual.
San Sancisco de Louro sufriu a desamortización, a pesar de ter 95 relixiosos. Mais en 1872 os testamentarios de don Manuel García compran o convento e o restauran, de novo, volvendo dende 1875 a ter presenza franciscana. É nestes momentos, co pai Coll e o irmán Manuel Menéndez cando se desenvolvan obras de rehabilitación da fábrica, e o momento tamén no que se constrúe o viacrucis.
Unha obra de devoción do século XIX recuperado na segunda metade do XX
É precisamente neste momento, concretamente en 1878, por iniciativa do pai Coll e co apoio económico dos fregueses cando comeza a construírse este singular viacrucis. Subindo ó monte, nun roteiro zigzagueante ata uns penedos naturais onde se atopa a última estación e a imaxe da Dolorosa. É ante todo unha gran obra de devoción.
Consta de quince estacións sobre a paixón de Cristo. Cada unha delas no interior dunha estrutura de granito ou capeliña cunha imaxe alusiva á estación e rematada por unha cruz. A décimo cuarta estación atópase xa está asentada nas rochas, moi preto do final da ruta. A imaxe da Dolorosa, na parte alta do rochedo remata o itinerario. Unha inscrición lembra que: “CHARITAS ME FECIT. ANO 1878″.
Porén o singular Viacrucis non sería nese ano exactamente igual a como o podemos ver hoxe en día. Pois cen anos despois, en 1979, procédese á renovación deste monumento devocional. Foi o pai Conrado Lucas, un irmán procedente de Valencia e especialista na técnica da terracota, quen situou no interior das capelas as escenas que hoxe se conservan.
Un lugar excepcional con vistas ó Monte Louro
Así as capeliñas que conforman o percorrido serían unhas estruturas a xeito de fornelos que acollen no seu interior os relevos de terracota. Estaría asentadas en piares verticais, hoxe encalados, todos eles cubertos por un remate piramidal coroado cunha cruz. O percorrido atópase hoxe cuberto con grandes laxas de pedra, que nun primeiro tramo poderían corresponder coa fábrica orixinal.
Así, tras un total de catro quebros, que serven para salvar o desnivel do monte, o viacrucis vai chegando ó seu fin cara o seu punto máis alto. Así, a medida que se ascende vanse xerando unhas excelentes vistas panorámicas sobre a ría de Muros e Noia e o Monte Louro.
Tamén dende alí pode verse unha gran vista da vila de Louro así como do propio convento, tan só agochado polas enormes árbores que flanquean a súa entrada. Trátase dun lugar dun enorme potencial, mais para moitos completamente descoñecido. Un lugar dun gran valor histórico, paisaxístico, turístico e tamén devocional, como poucos conservados nas rías galegas.