fbpx

Segunda ocupación da illa da Creba en 22 anos “para que sexa devolta ao pobo”

Tempo de lectura: 3 min.

O pasado sábado, 9 de xullo, saían do porto de Esteiro embarcacións con activistas rumbo da Illa da Creba. A través da iniciativa da Plataforma pola recuperación da Illa da Creba, ducias de activistas dirixíanse á illa da ría de Muros e Noia co fin de ocupala de maneira “simbólica e pacífica” para reivindicar a devolución da propiedade da illa ao pobo galego.

A día de hoxe, nesta illa érguese un complexo privado de luxo que ofrece “o escenario idílico para a túa escapada”. Porén, os veciños reclaman que esta illa, que garda centos de anos de historia, volva ser de propiedade pública, despois de que no 1922 unha parella de Outes a inscribise de maneira fraudulenta ao seu nome.  Posteriormente, o pai do actual propietario mercou a illa a unha trintena de persoas no 1966. Se A Creba pertencía a Muros ou Noia foi un debate que comezou no s.XX, ao que lle seguiu a disputa entre a propiedade, pública ou privada, da illa.

“Esta ilegal inscrición é aproveitada, anos despois, para a construción dunha vivenda (1891) e espigóns, rampla e recheos (1989) ocupando 5.140m2 de dominio público marítimo terrestre. Todo isto coa complicidade dos gobernos da Xunta de Galiza e do Estado español”, denuncian dende as redes sociais da Plataforma.

Xa no 1990, como publicou El País, unhas 300 persoas ocuparon, xunto co entón alcalde de Noia, Pastor Alonso, a illa. Agora, cando se compren 200 anos da inscrición como ben privado, os veciños seguen a demandar que A Creba sexa devolta ao pobo, como anunciaron a través dunha instalación da illa de letras que forman o lema “A Creba é do pobo”.

“Repoboación forestal con árbores non autóctonas e con especies invasoras, pavimentación ilegal na liña de costa, levantamento de valados de cemento na mesma, mantemento da construción do dique de abrigo, que ten unha sentenza firme de derrubo que non foi executada” son algunhas das reivindicacións que quixeron visibilizar a través da ocupación, que se iniciou o sábado pola mañá e rematou o domingo pola tarde. A ocupación contou co apoio de Galiza Nova, cuxa secretaria xeral, Marta Gómez, acompañada por un grupo de militantes, animou “aos mozos e mozas deste país que queiran sumarse a esta reivindicación para que A Creba sexa devolta ao seu lexítimo dono, o pobo galego”.

“O único que pedimos é que se respecte unha cuestión histórica. Durante máis de 2.000 anos a Creba estivo vencellada á parroquia e veciñanza de Esteiro. Queremos a recuperación da illa para coidala e regularizar o seu uso preservando os valores naturais deste espazo”, explicaba o voceiro da Plataforma pola recuperación da Illa da Creba, Rodrigo Molinos “Bolato”, nunha entrevista a Nós Diario.

“Aínda que digan dende os grupos parlamentarios que a illa non vale para nada, pois que nola dean, que xa saberemos nós o que facer con ela” afirmou “Bolato”, facendo referencia á moción presentada, nun primeiro momento, polo BNG de Muros e que foi rexeitada polos grupos políticos do PP e PSOE o pasado 27 de xuño.

Nela pedían que se estudasen e elaborasen os “informes pertinentes relativos á incorporación da Illa da Creba no parque marítimo terrestre das illas atlánticas” así como o inicio dos “trámites a fin de dotar á Illa da Creba nalgunha das figuras de protección recollidas na Lei de Patrimonio Cultural de Galiza”, como explicou a Plataforma nas súas redes sociais. A petición da plataforma chegou á comisión parlamentaria da man da deputada do BNG Rosana Pérez, que presentou unha proposición non de lei reclamando a devolución da illa, mais non recibiu o apoio do Partido Popular.

Pode que che interese...