fbpx
Fraga de Catasós / foto Turismo de Galicia

Naturgy soterrará finalmente a liña que propiciou a loita de Catasós

Tempo de lectura: 2 min.

A plataforma Salvemos Catasós, coa axuda de outras asociacións ecoloxistas e da sociedade civil, conseguiu salvar as excepcionais fragas de Casas Vellas, en Catasós, declaradas Lugar de Interese Paisaxístico. Pois, finalmente, e tras varias sentencias xudiciais Unión Fenosa Distribución presenta o proxecto para soterrar a liña. Sálvase así unha das fragas máis espectaculares do Deza e que propiciou unha loita de máis de máis dunha década.

E é que, tal e como informaban dende os medios Deza Dixital e La Voz de Galicia, tras unha longa batalla política e xudicial a Liña de Alta Tensión O Irixo-Lalín será soterrada. Levará un trazado dende o enlace da AP-53 en Catasós ata a subestación eléctrica do Alto de Vales ó longo da antiga N-525. O proxecto terá un sobrecuste de dous millóns de euros pero adaptará o proxecto ás esixencias medioambientais e xurídicas.

E é que no ano 2017 xustiza anulou a licenza que a empresa tiña outorgada pola Xunta de Galicia para construír un tendido eléctrico que suporía a desaparición de boa parte destas fragas. Mais tarde a sentenza foi ratificada a través do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en 2019, ó desestimar o recurso interposto pola enerxética. As alternativas eran o cambio de trazado e o soterramento. Finalmente a empresa optou pola última. Recollen a nova Deza Dixital e La Voz de Galicia. Tamén pode coñecerse máis nas redes sociais da plataforma.

Fraga de Catasós / foto Turismo de Galicia

Pode que che interese...