fbpx
Castelo do Cardeal na ría de Corcubión / foto Turismo de Galicia

Así cedeu o Franquismo o castelo do Cardeal de Corcubión a un Falanxista

Tempo de lectura: < 1 min.

No segundo terzo do século XVIII construíronse na entrada da ría de Corcubión tres castelos ou baterías militares para a defensa fronte a posibles ataques ás vilas da ría. O castelo do Príncipe, en Cee, o de San Carlos en Fisterra e o do Cardeal en Corcubión foron os encargados da tarefa da defensa da ría nun tempo de grandes perigos provintes do mar. Porén a finais do século XIX estas baterías militares eran xa obsoletas polo que moitas foron vendidas.

Foi o caso da fortaleza do Cardeal en Corcubión. No cambio de século o Concello de Corcubión tratou de comprala para diferentes fins, mais durante o Franquismo o castelo seguía a formar parte dos bens do Exército. Foi daquela, en abril de 1950, cando o castelo foi vendido sen licitar, polo Ministerio de Guerra a un médico falanxista natural de Carnota, Manuel López Sendón.

A venta fíxose coa mediación do seu cuñado e tendo como notario a varios intervintes na “doazón” do pazo de Meirás. Tal e como se di no artigo de Luis Lamela de La Voz de Galicia no que se recolle este feito, “a adquisición da batería do Cardeal desprende un certo cheiro por xurdir da intervención do seu cuñado como mediador, pola condición de xefe de Propiedades Militares, e pola fórmula «se ofreció a»” aparecida nos documentos.

Manuel López Sendón foi un coñecido falanxista candidato pola formación nas eleccións de febreiro de 1936. Entusiasta do Levantamento, participou, foi ferido e condecorado na Guerra Civil. Tras ela foi director do sanatorio antituberculoso da Choupana en Santiago, xefe de Sanidade da Falanxe en Galicia, subxefe provincial da formación, e deputado no Congreso durante o Franquismo. Morreu en 1985 despois de vender a fortaleza.

 

Pode que che interese...