fbpx
O Camiño dos Faros ó seu paso polo Concello de Laxe / foto HdG

O Camiño dos Faros, unha das rutas máis impresionantes de Europa, en perigo pola desidia administrativa

Tempo de lectura: 5 min.

“Nun sistema normal, 4 amigos descubrirían un camiño; comunicaríanllo ó responsable de turismo de distrito, que á súa vez o comunicarían a Turismo de Galicia e eles, vendo o seu potencial e en menos dun ano aprobarían a ruta”.”Este sería o desenrolo normal do proxecto nun sistema normal, nun país normal”.

Mais á vista da xestión das diferentes administracións este non é o caso. Pois o Camiño dos Faros, un roteiro a pé de mar, desenvolvido dende vai agora xa 6 anos polo colectivo Os Trasnos, está a piques de abandonarse. Trátase dun roteiro único de 8 xornadas que percorre a pé os lugares máis impresionantes da Costa da Morte, entre o San Adrián e o Cabo Fisterra.

Camiño dos Faros no Peñón de Laxe / foto Historia de Galicia

Porén, Os Trasnos, hoxe a Asociación Camiño dos Faros, declara estar a piques de tirar a toalla. O motivo a imposibilidade de desenvolver o proxecto fronte os atrancos que están a poñer as administracións, dende a propia Xunta de Galicia, con Turismo de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente ó fronte, ós 9 Concellos, pasando pola propia Deputación.

Unha homologación imposible

E é que despois da inmensa promoción ano tras ano Os Trasnos atoparon un problema, excepcional e insalvable, a imposibilidade da súa homologación. Pois dende fai 6 anos o colectivo estivo no proceso para homologar O Camiño dos Faros como Ruta de Gran Percorrido (GR). Isto implicaría un mellor mantemento e sinalización, mellorando a experiencia e a seguridade dos camiñantes.

O Camiño dos Faros ó seu paso polo cumio do Monte Branco en Ponteceso, / foto IzzzmeeCC0

Porén, a pelexa coas administracións fíxoo practicamente imposible. E é que “a realidade é que hai 9 concellos, cos seus 9 alcaldes e as súas 9  concelleiros de turismo, unha Deputación, unha Xunta, Turismo de Galicia, o CMAT, Medio Ambiente da Xunta, Federación Galega de Montañismo, Costas del Estado, Portos de Galicia, Autoridade Portuaria de Coruña e seguramente se nos esqueza algún”.

Mais “o sistema non está optimizado, senón todo o contrario. Ten moitas capas, algunhas duplicadas, outras pura competencia, cada unha dunha cor política e, sobre todo, moitos intereses. Daquela, o que tería que ser una tramitación sinxela dun recurso único, onde cada quen fixera o que sabe, convértese en toda esta «peregrinación»” que recollen na súa páxina web.

O acceso ó castro de A Cibdá en Borneiro tamén no Camiño dos Faros / foto Historia de Galica

Un traballo en balde para Turismo de Galicia e Medio Ambiente

Segundo relatan na súa web, tanto con Turismo de Galicia como con Medio Ambiente atoparon os maiores atrancos. O primeiro “dinos en 2014 que para poder promocionar a ruta necesitábamos homologala e 5 anos e medio de traballos despois dinos que non somos quen para homologala”. No 2019 dilles que non son ente suficiente para homologar a ruta, cando en la normativa indica que si.

Pola súa banda a Consellería de Medio Ambiente pediulles unha avaliación de impacto ambiental no 2016 e tres anos de traballo exhaustivo “e miles de euros despois”, pola natureza do proxecto a avaliación non é necesaria. Segundo eles, o documento ambiental estivo no Ministerio dende maio do pasado ano cando, por lei, deberán respondelo nun prazo de 3 meses.

Detalle de Santiago de Cereixo en Vimianzo polo que pasa o Camiño dos Faros / foto Historia de Galicia

Silencio administrativo de Portos de Galicia e da Autoridade da Coruña

No tocante á Deputación da Coruña afirman que “da súa imprenta saíron todos os trípticos destes anos”. Así como o compromiso de inversión de preto duns 80.000 euros dun proxecto de homologación que ó final non se puido executar. Mais “como concello dos concellos e cunha presenza importante da Costa da Morte nos postos de decisión, podería ter feito moito máis, e non poñerse de perfil ante as primeiras dificultades e os últimos acontecementos”.

Ademais atoparon o atranco de outras institucións, como o silencio de Portos de Galicia ou da Autoridade Portuaria da Coruña da que depende o faro de Cabo Vilán, así como os duros atrancos plantexados pola Federación Galega de Montañismo, afín a Turismo de Galicia. Porén tiveron unha acollida excepcional por parte da Federación Europea de Sendeirismo, doutras institucións ou mesmo dos Concellos.

O cabo Fisterra / foto jesusmanuelgallardoCC0

Deixar o traballo como opción

É por todo isto, e por mor da Covid-19, polo que este 2020 é o primeiro ano dende fai máis dun lustro que Os Trasnos non desenvolven a edición guiada do Camiño. Denuncian as dificultades e a imposibilidade de seguir. “Non podemos limpar os camiños dunha ruta non homologada, non podemos sinalizar unha ruta non homologada” e, se algún dos camiñantes que fan a ruta pola súa conta “tropeza cunha pedra sacando unha foto, podemos ter un problema”.

Pois “á Asociación Camiño dos Faros non nos deixarán aprobar o camiño. Está claro que nós como asociación non poderemos aprobar esta ruta porque non estamos nos círculos correctos”. “Poñerán todos os problemas posibles e, cando os resolvamos, aparecerán outros“.

Camiño dos Faros no “castelo” de Candoas en Cabana de Bergantiños / foto Historia de Galicia

“E que non importa todo o interese espertado, toda a promoción feita, todo o traballo altruísta e ben feito para levar a cabo un proxecto tan ambientalmente sostible e socialmente responsable. Non estamos no seu círculo e non poderemos aprobar a ruta como unha Gran Ruta que o merece sobradamente”, declaran.

 

 

 

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...