fbpx
Recreación dun banquete no Samaín arredor dun lume purificador

A Estadea no Samhain, a cristianización do exército fantasmal de mortos, demos e bruxas

Tempo de lectura: 6 min.

A Cacería ou Hoste Salvaxe é un mito moi estendido por todo o contexto indoeuropeo. Consiste nun exército fantasmal integrado por espíritos de mortos, demos e bruxas. Esta comitiva cruza os ceos nas noites de inverno -sendo en Irlanda e Escocia a súa primeira aparición en Samhain-, especialmente aquelas de treboada, pois a Hoste descríbese como a causante das mesmas co seu terrible estrondo. Segue á tropa unha manda de cans, de feito, en ocasións os propios cazadores son vistos coma lobos ou homes-lobo. Ver esta espectral comitiva considérase un presaxio de morte, e os que a atopan no camiño son arrastrados para formar parta da hoste durante toda a noite. Nalgúns lugares, a estes vivos que van na comitiva entrégaselles unha perna da presa que perseguen, sendo case imposible desfacerse dela.

Autores como Lisón Tolosana vinculan a nosa (Santa) Compaña, Estadea ou Estantiga coa Caza ou Hoste Salvaxe indoeuropea. A palabra “estantiga” parece provir de “hoste antiga”, o cal xa vincularía a ámbalas dúas manifestacións na súa denominación. Tamén contan as nosas lendas que se aparecen estas almas en pena nas noites de inverno e que velas supón un presaxio de morte, así coma o perigo de ter que acompañala e recibir a cruz para portar. Malia os intentos de adaptar a comitiva ó cristianismo como unha silenciosa procesión cristiá, Lisón expón descricións dadas polos informantes nas que se reflicten os ecos da antiga Cacería, pois fálase dos ouveos dos cans que a acompañan, do terrible estrondo que as precede e das fachas coas que a comitiva se alumea. Do mesmo xeito que acontece na Cacería, tamén temos referencias en Galicia de que as bruxas eran parte integrante da Compaña[1]. Vemos así como a nosa Estadea presenta -en moitas das súas manifestacións- un forte vínculo coa Cacería Salvaxe en canto á tipoloxía dos integrantes, época de aparición e consecuencias do seu paso, como tamén semellanzas nas descricións dadas polos informantes.

A Cacería Salvaxe e as Mascaradas de inverno

Autores como Otto Hofler ou Carlo Ginzburg coinciden en sinalar a existencia dun vínculo entre o mito da Cacería Salvaxe e os ritos das Mascaradas da Invernía, e non é outro que ambos serían a expresión do mesmo concepto: un no mundo das ideas e o outro actuado e representado. Xa comentamos o ruidosa que se di que é a Cacería –sons dos cornos, ouveos de cans, música instrumental, etc.-, mais Otto Hofler sinala un son en particular, repetido unha e outra vez polo continente: o intenso son de campaíñas, presente tamén nas descricións da nosa (Santa) Compaña. De grande interese para o autor resulta o dato aportado nunha antiga descrición da Cacería, na que se di que as personaxes levan chocas cosidas nas nádegas e as coxas -que fan soar ó balancearse- e a cara tapada. Outro punto de conexión é o aspecto co que os integrantes da hoste se describen. Temos referencia a homes deformes con pelicas, cazadores coa cara negra, artesáns con ferramentas de traballo, bruxas con pelicas de lobo ou capas de casca de bidueiro. Os autores ven estes datos como unha descrición das mascaradas celebradas por toda Europa dende comezos de decembro. Así pois, este rito non sería senón a recreación do mito da Cacería Salvaxe, o exército de mortos e espíritos do aire que traen as treboadas e o mal tempo.

As máscaras do Samhain

Xa dixemos que o Samhain era a data na que se consideraba que saía a Hoste Salvaxe, a cal permanecería percorrendo o noso mundo todo o inverno. Tamén expuxemos as descricións da Cacería nas que os seus integrantes van ataviados como as nosas personaxes de Entroido. Xa que logo, resulta lóxico que o rito de recreación da Hoste comezase na Noite de Defuntos. Os documentos custodiados no National Treasure de Escocia parecen confirmar esta hipótese. Consérvanse nel fotografías -que acompañan este artigo- e un vídeo da celebración do Samhain nunha das illas Hébridas en 1932. En palabras da arquivista Fiona Mckenzie: “Su película y sus fotos son un registro poco común de estos niños con su atuendo de piel de oveja, pelucas de paja y bufandas de cuerda (…) Este fue un tiempo antes de las ‘películas de miedo’, los trajes de hadas y monstruos fabricados en masa, y el ‘truco o trato’ … estos son gìsears o guisers reales (…) Las pieles de oveja, incluido el cráneo y las orejas raspadas, se usaban comúnmente para ocultar la identidad de un guiser. Los gìsears llevaban antorchas encendidas para guiarse de casa en casa, donde cantaban o contaban una broma a cambio de una golosina, generalmente un bollo o un bannock “.

O mesmo acontece na “Festa da Cabra e do Canhoto” de Cidões, celebrada en Defuntos e onde sae o primeiro enmascarado da invernía. Tamén en “La Carvochá” de Las Hurdes con La Chicharrona e El Chicharrón, este último macho cabrío antropomorfo.

E en Galicia?

Con todos estes datos, cómpre preguntarse se en Galicia podía ter acontecido o mesmo. No s.XVI, o inquisidor e bispo de Mondoñedo Frei Antonio de Guevara fálanos do costume dos rapaces de ir pedindo comida polas casas e condénao coma un rito xentil, malia que non di nada de como ían vestidos. Sen embargo, si sabemos que as vestimentas coas que se adoitaba asustar polo tempo de Defuntos, non eran exclusivas desa noite, senón que se usaban durante o ciclo da invernía, pois así o confirmaron os testemuños:

“O de poñer velas dentro dunha calabasa ou dun melón iso fasíancho calquera día, eso de furar unha calabasa e meter unha vela dentro era para asustar a calquera, como había tanto conto que había a Compaña pois poñíancho nunha encrusillada.  E había quen se vestía de fantasma así cunha sábana pola cabesa para meter medo. [2]

“Todo se desenrolaba cando ía chegando a noitiña [do 28 de decembro] e o lume dos potes comezaba a aquecer os fiadeiros. Neles entraban os disfrazados con sabas cubríndolles o corpo (…) algúns colocaban cabazas con candeas acesas dentro, simulando ser cabazas humanas que amedrentaban a quen as descubría”[3]

“Mi padre me comentó una costumbre de su tierra (en Lugo): se colgaban calabazas vacías con velas dentro en las ramas de los árboles por las noches. Con el viento, la calabaza se movía, y daba la sensación de que la luz oscilante era un espectro o algo así (…) Pero hay una gran diferencia: la costumbre no era propia de Difuntos (época de recogimiento), sino de Carnaval”[4]


Conclusións

Á vista de todos estes datos, podemos concluír que a Noite de Defuntos marcaba o inicio do ciclo da invernía. Un ciclo que, por toda Europa, se caracteriza pola presenza de espíritos do aire e ánimas do alén que percorren os ceos nunha enfurecida Cacería que provoca as treboadas. Esta crenza sería recreada a través dun rito do cal as nosas Mascaradas de Inverno son os últimos rescaldos. Xa que logo, a Compaña non sería senón a versión cristiá desta Hoste Salvaxe creadora do mal tempo, convertendo a cacería nunha procesión, as pelicas en mortallas, os fachos en cirios e as chocas en campaíñas.

Así as cousas, a Noite de Defuntos marcaría a chegada destes espíritos invernais, os cales nos acompañarán durante toda a parte escura do ano e dos que nos despediremos no Entroido, momento no que cómpre botalos fora para que a ansiada primavera poida chegar.

Imaxes: Arquivo Fotográfico Margaret Fay Shaw, NTS Canna House.

Vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=yMc2Ok28Ax0

[1] CUVEIRO PIÑOL (1876): Diccionario Gallego

QUINTÍA PEREIRA, R. (2020): O falar das pedras. Antropoloxía simbólica do Patrimonio de San pedro de Doade. A formiga Ravicha, Ourense.

QUINTÍA PEREIRA, R. (2019): Heichas Contar. Contribución ao corpus mitolóxico galego. Ab Origine Edicións. Pontevedra

GARCÍA ROMERO, F. (2001): “La mitología clásica en la obra de Fr. Martín Sarmiento”. En Cuaderno de Estudios Gallegos, Tomo XLVIII Fascículo 114. Santiago

[2] Dato recollido por min na aldea da Silva (Portosín) a unha informante de 89 anos

[3] Texto de Carlos Ares, que recolleu o dato durante o traballo de campo previo á súa obra Festividades de inverno da provincia de Ourense, 2019.

[4] Testemuño tirado de Celtiberia.net


Bibliografía:

TOLOSANA LISÓN, C. (1998): La Santa Compaña. Fantasías reales. Realidades fantásticas. Ed. Akal, Madrid.

HOFLER, O. (1934): Kulstiche Geheimbünde der Germanen. Frankfurt

GINZBURG, H. (1991): Historia Nocturna. Muchnik Editores, Barcelona.

MOTZ, L.(1984): “The Winter Goddess: Percht, Holda and related figures”. En Folklore, volumen 95:II.

NORSA, A (2017): “Procesións de mortos e procesións de vivos. Un estudio italo-lusitano”. En Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza nº87 Sociedade Antropolóxica Galega, Ourense.

https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Pode que che interese...