fbpx
Cruceiro de Melide / foto Lameiro CCBy Wikimedia

Restaurarán o cruceiro máis antigo de Melide, en perigo en 2018 cunha actuación da Panorama

Tempo de lectura: 3 min.

O Concello de Melide restaurará o cruceiro de San Roque, un dos máis antigos de Galicia. O Concello promoverá e financiará o proxecto técnico de restauración, conservación e posta en valor do singular cruceiro, unha das materias pendentes da vila dende fai bastante tempo.

Cruceiro de Melide / foto Lameiro turismo.gal

Para isto o Museo da Terra de Melide, en colaboración co Concello, convocou a catro empresas galegas especializadas en restauración deste tipo de bens, co obxecto de conseguir o mellor proxecto técnico para a súa recuperación. A institución xustificou esta decisión en criterios de transparencia e comparativa técnica, elixindo empresas dun amplo currículo en neste tipo de obras.

As empresas buscarán a mellor solución para a recuperación do ben e unha delas será elixida para executar a obra. Árbore, BIC, Gonzalo Buceta e Tomos foron as elixidas. A restauración será financiada polo Concello, non por unha campaña de crowdfunding como estaba inicialmente previsto, e promovida polo Museo, que leva preto dunha década pedindo a recuperación do ben.

O máis antigo de Galicia segundo Castelao

Dende o Museo considérase que esta acción “é imprescindible para dignificar este elemento artístico”. Tamén que “a súa recuperación debe traducirse nun recurso de primeira orde en termos culturais e turísticos, para todos aqueles que visiten o municipio”.

Cruceiro de Melide / foto Lameiro turismo.gal

E é que o cruceiro, segundo relataba Castelao en As cruces de Pedra na Galiza, moi probablemente sexa do século XIV. Está  localizado ó carón da igrexa de San Roque e, tal e como afirmaba Alfonso Daniel, podería ser podería ser o máis antigo de Galicia.

Seríao, cando menos da vila pola que pasa o Camiño de Santiago, Patrimonio Mundial, sendo xunto coa propia igrexa un dos elementos patrimoniais máis significativos da ruta ó seu paso pola vila.

En serio perigo en 2018 por unha actuación da Panorama

Mais se ben o cruceiro é un dos grandes elementos patrimoniais de Melide e un recurso turístico que leva en pé ó redor de seis séculos, no ano 2018 estivo en grave perigo por unha actuación da orquestra Panorama.

Cruceiro de Melide / foto Lameiro CCBy Wikimedia

Pois o cruceiro está localizado no lugar que se escolle todos os anos para situar as orquestras nas festas da vila. Nelas o cruceiro adoita ficar moi preto tanto do público como dos escenario e altofalantes, polo que adoita ser protexido cun valado metálico para evitar danos.

Porén, no ano 2018 durante a montaxe do seu palco, operarios da empresa desprazaron a protección pegando directamente o escenario ó cruceiro. Chegouse mesmo a situar un dos puntais do escenario sobre un dos chanzos da súa base.

Dende o Museo advertiuse a policía local que levantou acta do acontecido obrigando a desprazar o escenario da empresa. A intervención non só puxo en serio perigo o cruceiro senón que tamén incumpriu a Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galicia, que obriga a pedira autorización a Patrimonio para calquera intervención a menos de 20 metros do ben.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...