Vigo perde un novo elemento histórico: unha singular varanda do arquitecto Jenaro de la Fuente
As obras de humanización da cidade leváronse esta vez por diante un elemento patrimonial. Trátase da varanda de granito e ferro deseñado polo famoso arquitecto Jenaro de la Fuente, un singular elemento histórico con volutas e singulares detalles forxados, con semellanzas ó conservado no paseo de Alfonso XII.
A varanda foi desmontada, ou máis ben derrubada, dun xeito agresivo estragando tanto as pedras que a compoñían como a propia obra de forxa. Tal e como denuncian os veciños, “as pezas podían desmontarse coidadosamente para a súa posterior reutilización”, mais foron derrubadas como meros cascallos.
A varanda marcaba o límite entre as rúas Alfonso XIII e Lepanto, nunhas obras nas que se está a eliminar un viaduto elevado. Trátase dun lugar de especial transcendencia na entrada da cidade pois atópase tamén moi preto da nova estación intermodal. Deu conta da perda Vigo Vindeiro, que levaba tempo reclamándolle ó Concello a súa conservación.
Temos hoxe unha mala nova que compartir convosco. A varanda de Jenaro de la Fuente, que marcaba o límite entre as rúas de Lepanto e Alfonso XIII, é xa historia. Fomos vela en persoa despois dunha alerta vosa. pic.twitter.com/GqbOHC0fpI
— Vigo Vindeiro (@VigoVindeiro) January 24, 2021