As escavacións do castro de Viladonga cumpren medio século estreando nova imaxe
No ano 1971, fai exactamente medio século, a iniciativa de Ramón Falcón Rodríguez e a cargo do histórico arqueólogo Manuel Chamoso Lamas, comezaba a escavación do que é hoxe un dos xacementos máis importantes de Galicia. Trátase do castro de Viladonga, no concello de Castro de Rei, moi preto da cidade de Lugo.
E é que dende aquela primeira campaña, que inaugurou o estudo dun dos xacementos hoxe máis importantes de Galicia, Viladonga practicamente non se deixou de escavar. Naquela etapa desenvolvéronse varias campañas ata o ano 1978, nas que se exhumaron un número moi considerable de construcións da croa.
De Chamoso a 2020, un castro en continua investigación
Destas catro primeiras campañas as dúas primeiras estiveron a cargo de Chamoso, e as seguinte ó de Felipe Senén López e Felipe Arias. Foi precisamente este último quen dende o ano 1983 continuou a escavación consolidándose o perímetro e recupérase as murallas. Ademais esta década ó abeiro do Ministerio de Educación e Ciencia viu nacer o Museo do Castro de Viladonga, ó mesmo pé do xacemento.
No ano 1995 o Museo foi transferido á Xunta, que se faría cargo dende aquela tamén das escavacións. É neste momento no que se inicia a escavación do antecastro oeste onde se descubre un camiño de acceso e construcións de almacenamento. Porén nesta etapa a escavación faise xa con empresas de arqueoloxía privadas.
Na primeira década do século XXI desenvólvense unicamente obras de consolidación e mantemento do anteriormente escavado. Mais a década remata o 11 de decembro de 2009 declaración de Ben de Interese Cultural do castro. Dende o ano 2012, coa achega de fondos FEDER, consolídase de novo o castro e continúan as escavacións atopándose entre outras estruturas o monumental alxibe.
Un dos grandes castros galegos
Todas estas campañas e o atopado nelas fixeron, sen dúbida, de Viladonga un dos castros máis importantes de Galicia. De feito a súa fama xa era coñecida a comezos do século XX, pois momento aparece mencionado na obra Historia de la Provincia de Lugo de Manuel Amor Meilán de 1918. É neste momento, no ano 1911, cando aparece no castro un torque de ouro de 180 gramos e excepcional deseño.
Ademais deste achado na década de 1970 atopouse outro torque de similar a este pero de menor calidade. Tamén se atoparon un anel de ouro, apliques, broches, fíbulas, compases ou un pasarrendas de cabalo. Tamén dous taboleiros de xogo, un machado e un puñal, ambos de bronce. En xuño de 2020 na escavación do alxibe atopouse unha das machadas rituais máis excepcionais da cultura galaica.
O castro é así un dos reclamos culturais e turísticos máis importantes da provincia de Lugo e o seu Museo un dos grandes referentes no mundo da arqueoloxía galega. É por todo isto que o castro de Viladonga loce con orgullo o seu medio século de escavacións, amosando agora as novas zonas escavadas nas campañas de 2019 e 2020. Agárdase que a Covid permita aprecialas de novo moi pronto.