fbpx
Ferrol Vello na Listaxe Vermella do Patrimonio / foto Hispania Nostra

Hai futuro para Ferrol Vello?

Tempo de lectura: 5 min.

Tal e como contamos no día de onte, o luns 11 de xaneiro daban comezo en Ferrol as obras de reurbanización da rúa Espartero, no barrio de Ferrol Vello. Trátase da obra de reurbanización  máis importante do Concello de Ferrol no barrio e a grande aposta do Concello por un dos barrios máis maltratados da cidade e que agora e coa colaboración entre administracións se pretende recuperar.

E é que, non en balde, o barrio de Ferrol Vello, o barrio no que naceu a cidade e que é Ben de Interese Cultural dende o ano 2011, sufre un problema histórico de degradación e abandono. Moitos edificios están deshabitados e moitos outros en serio perigo de derrube. De feito, no ano 2014 Ferrol Vello entrou a formar parte da Listaxe Vermella do Patrimonio, de Hispania Nostra.

Unha rúa de Ferrol Vello no ano 2009 / foto Íñigo Mouzo Riobó

O lugar no que naceu a cidade

E é que o barrio de Ferrol Vello é o núcleo orixinario da cidade actual. Trátase dun conxunto medieval erguido ó carón do mar ó abeiro das casas señoriais como os Lemos ou os Andrade. As primeiras novas da vila, xa coñecido como Ferrol, datan do ano 1087 e ata a segunda metade do século XVIII, momento no que se deseña o Arsenal e os barrios da Magdalena e Esteiro, sería o único asentamento do que hoxe é a cidade.

Ferrol Vello, tal e como se recolle na propia ficha da Listaxe, malia ter un enorme grado de degradación conserva aínda o trazado dos rueiros e gran cantidade de edificacións históricas, entre elas moitas casas mariñeiras, edificios de galerías, edificios eclécticos, racionalistas e decó. Porén, moitas edificacións perdéronse, atopándose en ruínas ou foron substituídas por edificios de formigón.

Ferrol Vello dende o aire, coa rúa Espartero ó fondo / foto Hispania Nostra

Un dos únicos 7 conxuntos históricos de España na Listaxe Vermella

Desprendementos, derrubes, degradación progresiva do barrio, abandono por parte dos seus habitantes e mesmo rúas pechadas por riscos. Ferrol Vello é un dos poucos conxuntos enteiros, tan só sete, que está dentro da Listaxe Vermella de Hispania Nostra. A maioría dos seus edificios atópanse en moi mal estado e un 49% das casas están desocupadas. Moitos deles de feito atópanse na actualidade caídas.

Isto é a pesares de que no ano 2001 xa foi declarado Área de Rehabilitación Integral con protección no PXOM. No ano 2006 comezou a pedirse dende as asociacións de veciños a declaración como BIC, incoándose durante a época do bipartito e declarándose no ano 2011. Porén, e a pesares das promesas, non se avanzou na súa recuperación e no Ano 2014 entrou na Listaxe Vermella.

Rúa Espartero en Ferrol Vello / foto Concello de Ferrol

Tres administracións implicadas co barrio

Nese mesmo ano o Concello aprobou o Plan Especial de Ferrol Vello. Fixaba en 12 anos a recuperación do barrio, e marcaba as intervencións a desenvolver. Dende ese ano comezaríase a avanzar coa reurbanización das rúas xunto coa rehabilitación ou recuperación de diversos edificios, a través do Instituto Galego da Vivenda (IGVS). O pasado xaneiro solicitouse á Xunta a declaración como conxunto Rexurbe.

Dende o Concello xa se comezou a investir na reurbanización das rúas. Carme Curuxeiras foi a primeira e Espartero está en obras neste momento. A elas sumarase a de San Francisco. Tres das máis importantes do barrio. Tamén o Concello incluíu no 2020 unha partida de 600.000 euros para recuperar a casa natal de Carvalho Calero, situada na Praza Vella.

Ferrol Vello na Listaxe Vermella de Hispania Nostra / foto Hispania Nostra

Pola súa parte a Xunta mercou, de xeito semellante á Tinería de Lugo na época do bipartito, unha vintena de edificios ruinosos para a súa rehabilitación, a través do IGVS. Porén ata o de agora só se reedificaron dúas vivendas na rúa Argüelles 1, cun investimento de pouco máis de 330.000 euros. Dos 19 edificios, 11 deberían estar rematados en 2022, mais só hai catro proxectos redactados e tres máis en redacción. Agárdase que a Xunta vai aumentando o ritmo.

Ademais destas dúas administracións o propio Porto de Ferrol tamén se tería implicado nas obras, agardándose melloras no Edificio da Autoridade Portuaria e a recuperación do edifico de Aduanas. Dous edificios que son en parte a fachada máis visible do barrio, fronte á rúa Porto da Graña e do Peirao de Curuxeiras.

Ferrol Vello fachada ó porto / foto turismo.gal

Facer atractivo o barrio

Porén, e aínda que a acción das dúas administracións estea a avanzar lentamente tamén se está a conseguir un dos obxectivos establecidos no Plan Especial, que o sector privado se volva a implicar na recuperación do barrio. O caso máis notable é seguramente a recuperación do número 26 de Benito Vicetto, onde se está a rehabilitar un edificio ecléctico do século XIX para albergue de peregrinos.

Mais non é o único caso senón que, paseniño, estase a avanzar na recuperación do barrio pola cidadanía. Pode dicirse que se nota certa mellora coa apertura dalgúns establecementos así como algunhas reedificacións e mesmo rehabilitacións. Porén, polo de agora, a recuperación do barrio aínda avanza a un ritmo mellorable.

Trataríase de que o que o barrio se faga máis atractivo a medida que se reurbanicen as rúas máis deterioradas e se leven adiante as promocións públicas. Estas adxudicaranse en réxime de alugueiro social o que traería novos residentes facéndoo máis atractivo. Con este saneamento de espazos e edificios agárdase recuperar a iniciativa privada.

Proxecto para a recuperación da Aduana de Ferrol / foto Autoridade Portuaria de Ferrol

Un futuro para o histórico barrio?

Agárdase que vaian da man as iniciativas que se desenvolven no eido residencial coas que o Concello acomete nos espazos públicos. Así o poñía de relevo o concelleiro de Urbanismo Julián Reina durante o inicio das obras da rúa Espartero. Quérese darlle un pulo importante ó barrio para continuar animando á xente “a apostar por vivir nel”.

Trátase de que, “como pasou en Canido, Ferrol Vello tamén acabe por estar de moda”. Quérese que se perciba unha mellora creando espazos públicos “dotacionais, verdes, libres” e próximos a servizos, e se acompañe á iniciativa de rehabilitación. Pois o obxectivo é que Ferrol Vello “sexa redescuberto” e “que a iniciativa privada dea un paso ó fronte e se volva habitar”.

Para isto precisarase da implicación completa das distintas administracións, evitando, como aconteceu co caso da Tinería de Lugo, que o abandono do proxecto ou un escaso ritmo de rehabilitacións acabe por facer retornar ós problemas do pasado. Polo de agora seguirá na Listaxe Vermella de Hispania Nostra á agarda de entrar algún día na Listaxe Verde.

Ferrol Vello na Listaxe Vermella de Hispania Nostra / foto Hispania Nostra

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...